Daniel Jiménez, do Supermercados Froiz, o máis combativo no Memorial Valenciaga

Pontevedra
03 de abril 2023

O equipo pontevedrés acabou quinto na xeral, mesmo posto no que acabou Jose Autran no ranking individual

Daniel Jiménez, ciclista do Supermercados Froiz G. D. Supermercados Froiz

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz participou este domingo nunha das probas máis importantes do calendario, a Copa de España Memorial Valenciaga, na que Daniel Jiménez recibiu o premio a ciclista máis combativo da xornada.

Nunha carreira marcada pola choiva e o desnivel, os corredores alimenticios realizaron unha completa exhibición de traballo en equipo. Así, ao comezo da carreira os de Portela lograron meter a Daniel Jiménez na fuga, na que permaneceu durante a maior parte do percorrido xunto a outros dez ciclistas que foron neutralizados a falta de 25 quilómetros para a meta. Un malgaste de esforzo que foi recoñecido coa camisola a ciclista máis combativo.

Co pelotón neutralizado, o Froiz traballou como bloque. Así lograron meter no corte final a Jose Autran e Vicente Rojas. Ambos os ciclistas trataron de escaparse, pero non lograron dar o salto e finalmente tiveron que conformarse cun quinto e décimo terceiro posto, respectivamente.

A escuadra pontevedresa foi a mellor galega da competición e o quinto mellor equipo da xeral.