De Madrid a Pontevedra por amor a unhas cores

Pontevedra
04 de xaneiro 2019

A peña Territorio Granate, fundada por afeccionados do Pontevedra na capital de España, estará o domingo presente por primeira vez nun partido no Estadio Municipal de Pasarón coincidindo co choque ante o Castilla. Antes, este venres, algúns dos seus membros puideron coñecer ao adestrador do primeiro equipo

Peña Territorio Granate, no partido entre Fuenlabrada e Pontevedra
Peña Territorio Granate, no partido entre Fuenlabrada e Pontevedra /

O amor a unha cor, o granate, é o que define por encima de todo a un grupo de afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol na diáspora madrileña. Alí deu en datas recentes os seus primeiros pasos a peña Territorio Granate, que este domingo no choque ante o Real Madrid Castilla dará un paso máis estreando presenza no Estadio Municipal de Pasarón.

Composta por preto de 25 seguidores, varios deles socios a pesar de non poder asistir apenas aos partidos da casa, a peña estivo presente nos últimos desprazamentos do equipo á zona centro do país agrupando neses encontros a máis siareiros e simpatizantes.

"Cada vez que salimos fuera ver una pancarta granate y gente animando te hace estar satisfecho del club al que perteneces", recoñece o propio adestrador do primeiro equipo, Luismi, sobre uns afeccionados aos que puido coñecer este venres tras o adestramento do plantel, aproveitando a súa presenza na Boa Vila.

Todo empezou na viaxe dos granates a Navalcarnero no tramo final do curso pasado, cando se xogaban a permanencia, e Alejandro Lastra preguntou pola rede social Twitter se alguén estaba disposto a compartir gastos desde Madrid centro para acudir ao partido. Encheu o seu coche, e a partir de aí empezou a comprobar que había unha serie de afeccionados que acudían sempre que podían a seguir ao club dos seus amores.

"Es una pena que no se haya creado antes", aseguran agora, contentos de poñer o seu gran de area na mobilización da afección, porque "a veces olvidas lo duro que es arrancarte a animar en un campo rival", sinala Juan Milleiro esperando que máis cedo que tarde volvan os desprazamentos da Marea Granate. 

Lastra e Milleiro, acompañados doutros membros de Territorio Granate como David Ogando, Martín Miranda e Juan Antonio González, puideron coñecer os segredos e recunchos de Pasarón xunto ao propio Luismi e ao conselleiro Manuel Ruibal compartindo un sentimento, "que no somos tan pequeños como dicen muchos".

Caso á parte merece o caso de Juan Antonio González, ao tratarse do único seguidor nado en Madrid e non na Boa Vila. A súa afección polo Pontevedra chégalle doutra maneira, a través do seu avó, natural de Marín, ao que segundo explicou "le robaba La Voz todos los lunes para ver el resultado del Pontevedra cuando era pequeño", e con quen empezou a seguir e mesmo ir ver en directo aos granates. El, como a pancarta coa que adornan agora os campos de España, estrearase este domingo no coliseo pontevedrés coa firme intención de ser talismán e de que sexa a primeira de moitas visitas.