O adestrador do Real Madrid Castilla négase a comparecer en rolda de prensa tras perder ante o Pontevedra

Pontevedra
06 de xaneiro 2019

José Manuel Díaz, adestrador do Real Madrid Castilla, deu este domingo un exemplo impropio despois de que o seu equipo caese en Pasarón de maneira clara

Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Real Madrid Castilla en Pasarón / Diego Torrado
Rolda de prensa de Luismi tras o 3-0 ante o Real Madrid Castilla /

José Manuel Díaz, adestrador do Real Madrid Castilla, deu este domingo un exemplo impropio despois de que o seu equipo caese en Pasarón de maneira clara. Este negouse a comparecer en rolda de prensa falando unicamente para a televisión e medio oficial do seu club a pé de campo.

Así mesmo, os seus xogadores non quedaron atrás, xa que tan só o seu capitán, Jaime Seoane, quedou para saudar aos seus rivais granates no terreo de xogo.

Pola súa banda, o míster local, Luís Miguel Aredo 'Luismi', mostrouse satisfeito co resultado logrado esta fin de semana. Co 3-0, os pontevedreses dan un paso máis cara á ansiada fase de ascenso. "Imos polo bo camiño", non dubida en asegurar o mesmo tras o encontro.

"Estamos moi contentos. Conseguimos apertarlles, ser agresivos e fortes. Era o plan que tiñamos de partido e saíu como queriamos", explicou Luismi, que, ademais, asegurou que "sabiamos que a clave para gañar era non deixarlles xogar, pola contra iamos sufrir". 

Co 1-0 no marcador e a chegada do descanso, declarou sentirse preocupado, polo que "aproveitamos o paso polos vestiarios para darlles un empuxón e ir a por o segundo e non botarnos atrás, senón podía ser un pau moi grande".

Pese ser o primeiro partido tras o parón do Nadal, o adestrador presumiu de equipo: "Chegaron moi ben aos adestramentos, o nivel de traballo foi fantástico. Demostran que son uns profesionais".

De cara ás próximas xornadas, o granate non dubida en afirmar que "temos que seguir como ata agora, pero sen esquecer que hai que ser humildes e seguir traballando para continuar polo camiño que nos trouxo ata aquí". Neste caso, Luismi anima aos afeccionados do Pontevedra CF a seguir acudindo a Pasarón para manter o "bo ambiente do partido ante o Castilla. Daba gusto, apoiaban en cada acción. Notábase que estaban co equipo", concluíu.