Debut agridoce do Bádminton Ravachol Pontevedra na liga de Primeira Nacional

Pontevedra
08 de outubro 2018

Os pontevedreses regresan de Oviedo con 6 dos 9 puntos que se poñían en xogo, pero coa sensación de que podían debutar na categoría cun pleno

Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra no seu debut en Primeira Nacional
Equipo do Bádminton Ravachol Pontevedra no seu debut en Primeira Nacional / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra estreouse a fin de semana na liga de Primeira Nacional conseguindo en Oviedo 6 dos 9 puntos que había en xogo e como cuarto da clasificación. Foi con todo un debut agridoce ao regresar de terras asturianas coa sensación de poder facer pleno de triunfos.

A xornada empezou de maneira positiva co triunfo o sábado de maneira contundente ante o Club do Mar da Coruña, terceiro clasificado a pasada campaña e ao que superaron por un claro 6 a 1.

Con todo, xa o domingo, os anfitrións do CB Oviedo impuxéronse por 4-3 ao vencer todos os partidos de dobres, mentres que os pontevedreses maquillaron o resultado nos individuais.

"Foi deses partidos nos que todo sae mal, imprecisións, nervios... pero tamén nos serve de aviso. Se queremos gañar esta liga non vai ser fácil e non nos podemos relaxar, a próxima xornada en Alacante vai ser decisiva e espero ter ao equipo na mellor forma posible para seguir na parte alta da clasificación", sinalou tras a competición o técnico do Ravachol, Jesús Pereiro.

A estrea na Primeira Nacional completouse cunha vitoria ante o CB Aspe por un contundetne 7 a 0.

A próxima xornada levará ao equipo pontevedrés ata Alacante, onde se enfrontará ao Ibiza BC, aos malagueños do Jorge Guillén e ao CB Palma, actual líder da clasificación.

Competiron polo Bádminton Pontevedra: Manuel Brea, Noelia Gestoso, Ana Carbón, Raquel Miguens, Iván Darriba, Alejandro Nogueira e Miguel Sanluis.