Debut discreto para Águeda Cons no Campionato de Europa de Piscina Curta

Pontevedra
13 de decembro 2017

A nadadora pontevedresa, con só 17 anos e na súa primeira gran competición coa Selección Española Absoluta, estreouse no Europeo de Copenhague  participando nas series dos 800 libre sen lograr aproximarse á súa mellor marca

Águeda Cons durante o Open de Primavera en Pontemuiños
Águeda Cons durante o Open de Primavera en Pontemuiños / Mónica Patxot

Ten só 17 anos e estréase nunha gran competición coa Selección Española Absoluta de natación, polo que o seu obxectivo pasa por sumar experiencia e tentar seguir progresando como nos últimos meses.

Águeda Cons debutou este mércores no Campionato de Europa de Piscina Curta que se celebra na cidade danesa de Copenhague participando nas series clasificatorias dos 800 libre.

A nadadora pontevedresa do Galaico non puido aproximarse á súa mellor marca e parou o crono nun tempo de 8:37.44. Con este rexistro foi sétima na súa serie e duodécima no cómputo global, polo que queda fóra da final do xoves.

Tras o 800 libre Águeda conta agora con varios días de preparación para a que será a súa segunda e última proba no Europeo, os 400 libre que se disputarán o último día da competición, o vindeiro domingo 17 de decembro.