Moitas precaucións, excesivo temor e poucas pero claras ocasións no partido entre Poio Pescamar e Roldán FSF. As locais levaron a iniciativa no marcador, adiantándose por dúas veces, pero faltoulles decisión e puntería para sentenciar o partido, permitindo que o equipo murciano neutralizase os goles de Ale de Paz e Ceci.
O dominio inicial foi para o equipo visitante, pero sería o Poio Pescamar o primeiro en marcar por medio de Ale de Paz desde cerca a pase de Patri Curral, tras boa xogada persoal desta última.
Pouco durou a alegría na Seca, xa que dous minutos máis tarde, Mayte Mateo aproveitaba un erro na saída de balón da zaga para regatear a dous rivais e sorprender a Silvia cun disparo que pillou á porteira local a contrapié.
O Poio logrou recuperarse da igualada e pasou a dominar o xogo, atopando recompensa nun auténtico golazo de Ceci, que recolle un balón en campo propio, escápase de dúas contrarias e dispara de lonxe, coa dereita, poñendo o balón na mesma escuadra dunha sorprendida Ana.
A punto estivo o Roldán de conseguir a igualada no último segundo antes do descanso, nun erro defensivo, cun pase errado en zona de risco. Evitouno Ceci nunha excelente recuperación defensiva, para impedir na mesma liña de gol o remate dunha xogadora murciana.
Ambos os equipos protexeron a súa defensa na segunda parte, co que as chegadas foron menos claras. A pesar diso, o Poio tivo un par de disparos que puideron ampliar a conta, ata que tras un corner mal defendido polo equipo local, o balón chegou na interior da área a Mariángeles, que superou de preto a Silvia.
A partir de aí as murcianas deron por bo o empate, e as mozas de Marcio Santos non foron capaces de superar con claridade o armazón defensivo visitante, terminando cunha repartición de puntos que mantén a ambos os equipos igualados na parte alta da táboa.
POIO PESCAMAR (2): Silvia; Jéssica, Ceci, Charo e Jenny (quinteto inicial). Tamén xogaron, Sara, Suki, Ale de Paz e Patri Corral.
ROLDÁN FSF (2): Ana; Olga, Mayte Mateo, Alba e Andrea (quinteto inicial). Tamén xogaron: Gandía, Inma Sojo, Ángela, Mariángeles, Cristina, Mirian e Vanessa (segunda porteira).
Árbitros: Raquel Manteiga Rodríguez e Diego Mella (A Coruña). Amoestaron a Jenny no Poio Pescamar e Ángeles e Mirian no Roldán.
Goles: (1-0) Minuto 8: Ale de Paz. (1-1) Minuto 10: Mayte Mateo. (2-1) Minuto 14: Ceci. (2-2) Minuto 30: Mariángeles.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 300 espectadores.