Deporte, diversidade e convivencia escolar no Pavillón Municipal

Pontevedra
12 de febreiro 2026

Máis de 300 nenos e nenas de once centros de Pontevedra, Poio e Barro aprenderon a realizar manobras de RCP e de Heimlich, e probaron o voleibol e o baloncesto en cadeira de rodas

Xornada Multideportiva de Deportes Inclusivos

O Pavillón Municipal de Pontevedra acolleu este mércores unha Xornada Multideportiva de Deportes Inclusivos na que participaron 311 alumnos e alumnas de sexto de Primaria de once colexios de Pontevedra, Poio e Barro.

A actividade, desenvolvida entre as 10:15 e as 12:45 horas, enmarcouse no programa XOGADE da Xunta de Galicia e estivo organizada por ADESPONT e o Colexio San José, co apoio do Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra.

O alumnado distribuíuse en catro grandes equipos que foron rotando por outras tantas estacións. Na primeira, dirixida por alumnado e profesorado de Enfermaría, os nenos e nenas practicaron manobras de RCP, uso de DESA e a manobra de Heimlich, mentres que na segunda, coordinada por TSEAS e ENKI, probaron o voleibol sentado e a boccia.

A ONCE encargouse dunha estación centrada no acompañamento e desprazamento de persoas cegas ou con problemas de visión, e Basketmi Ferrol, AMIZADE e AMENCER-ASPACE deseñaron un circuito de slalom e baloncesto en cadeira de rodas, ademais dunha zona para circular con bicicletas adaptadas.

Xornada Multideportiva de Deportes InclusivosCristina Saiz

Cada grupo contou en todo momento co acompañamento de alumnado do ciclo de TSEAS, estudantes do Xoán XXIII e profesorado dos centros participantes, favorecendo tanto a seguridade como a convivencia entre escolares de diferentes colexios.

O obxectivo principal foi sensibilizar o alumnado sobre as distintas diversidades funcionais e mostrarlles os deportes que poden practicarse nestas circunstancias, ademais de fomentar a actividade física e a convivencia.

"Estivemos a aprender como fai deporte a xente con discapacidade", explicou Dani, de 11 anos, ao finalizar unha das estacións. "É difícil", resumiu.

Alicia, tamén de 11 anos, destacou que aprenderon "cousas novas que non fixemos antes e que os deportes, aínda que sexan en cousas que nos custan máis, merece a pena probalos, porque é unha maneira diferente de aprender un deporte que xa practicas. Eu practico baloncesto e en cadeira de rodas é máis difícil, porque non podes saltar".

O alumnado participante procedía dos centros CEIP Amor Ruibal, CEIP Santo André de Xeve, CEIP Parada, CEIP San Benito de Lérez, CEIP Chancelas, CEIP Isidora Riestra, CEIP Cabanas, CEIP Xunqueira I, CEIP Álvarez Limeses, CEIP Froebel e CPR San José.

Xornada Multideportiva de Deportes InclusivosCristina Saiz