A Deputación cifra en 28 millóns o seu investimento en campos de fútbol nos tres últimos anos

Cerdedo Cotobade
24 de febreiro 2026

Case a metade dese investimento lévaa a nova bancada de Gol do estadio vigués de Balaídos, pero segundo a administración provincial actuouse en 300 campos de fútbol da provincia

Luis López visita o campo de fútbol das Estremas, en Cerdedo-Cotobade
Luis López visita o campo de fútbol das Estremas, en Cerdedo-Cotobade / Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra

Unha visita ao campo de fútbol das Estremas, en Cerdedo-Cotobade, serviu á Deputación de Pontevedra para facer balance do investimento da institución provincial neste tipo de instalacións nos últimos anos.

En concreto, cifra a Deputación, no tres últimos anos investiu até "28 millóns de euros para actuar en preto de 300 campos de fútbol dos 61 concellos da provincia", destacou o presidente provincial, Luís López, acompañado do deputado Jorge Cubela e da directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda.

Case a metade desa cifra (13,3 millóns) correspóndese co compromiso coa construción da nova bancada de Gol no estadio vigués de Balaídos.

No que respecta á capital provincial, destaca o convenio asinado co Concello para construír o novo campo de fútbol de Salcedo por preto de 2 millóns de euros. Ademais está prevista o financiamento íntegro con 143.000 euros da renovación do céspede artificial nos dous campos de fútbol 8 do Complexo Deportivo Municipal Manolo Barreiro da Xunqueira, nunha actuación prevista xa para os próximos meses.

Ademais en Príncipe Felipe, instalación que depende directamente da Deputación, investíronse 170.000 euros para renovar a iluminación, repor a cuberta dos vestiarios e reparar un muro para garantir a seguridade.

Doutra banda a través do servizo de Medio Ambiente, realízanse cada ano traballos de mantemento de campos de fútbol da provincia para conservalos nas mellores condicións. Neste apartado en 2025, cun orzamento aproximado de 340.000 euros, actuouse en 112 campos de 42 concellos, dos que 84 correspóndense con instalacións de herba sintética e os 28 restantes de herba natural. Para levar a cabo estas actuacións, a Deputación achega maquinaria e persoal especializado.

A cifra nos tres últimos anos ascende a 880 euros para 293 campos, actuando en 88 deles en 2023, outros 93 en 2024 e, por último, 112 en 2025.

Neste balance inclúense os investimentos financiados co Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), a través do cal na súa terceira edición 23 concellos solicitaron 3,13 millóns de euros para 31 proxectos en campos de fútbol.

Pola súa banda no marco da +Provincia o goberno provincial destinou case 2 millóns de euros para actuar en 17 campos de fútbol, ao que se engaden investimentos a través doutros programas como a primeira edición do Plan Extra, que permitiu financiar proxectos en campos de Crecente e Ribadumia ou o PON2030 na Cañiza e Crecente.

CAMPO DAS ESTREMAS

Un apartado especial no acto celebrado este martes ocupouno o propio campo das Estremas e os investimentos en Cerdedo-Cotobade.

Neste caso, o investimento ascende a 180.000 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e da +Provincia para mellorar a eficiencia enerxética, a iluminación e os equipamentos dunha instalación que empregan cada semana máis de 400 persoas. Ademais, afirmaron, a colaboración coas infraestruturas deportivas municipais alcanza o millón de euros no que vai de mandato ao incluír melloras nos pavillóns de Carballedo, Cerdedo e Tenorio, así como en piscinas e áreas recreativas fluviais.

"Esta instalación que representa á perfeccion as moitas que temos na provincia e que fai que sexamos a provincia do deporte", concluíu Luís López.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora