Derbi clave para o Arxil ante o Celta para entrar na fase de ascenso

Pontevedra
20 de marzo 2015

As verdes reciben o equipo vigués (sábado 19:30 horas) no Centro Galego de Tecnificación. Un triunfo achegaría ao Arxil ao play-off e descartaría o Celta

Equipo do Arxil no amigable ante o Olivais
Equipo do Arxil no amigable ante o Olivais / PontevedraViva

Partido crave para o Club Baloncesto Arxil na súa loita por entrar no play-off de ascenso a Liga Feminina.

Tras o seu triunfo reparador da pasada fin de semana, o conxunto verde afronta un novo derbi provincial coa visita do Celta Selmark ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (Sábado 19:30 horas).

O equipo olívico chega á cidade de Lérez con máis urxencias tras o seu tropezo da pasada xornada na casa ante o potente Bizkaia. De feito unha derrota descartaríaos da loita pola cuarta praza, lugar que defende o Arxil cunha vitoria de vantaxe sobre Aros León.

Importante será para as pontevedresas que funcione a súa conexión no xogo interior, cunha Maimouna Diarrá que volveu entrar esta semana no cinco ideal do Grupo A da Liga Feminina 2 grazas aos 24 puntos e 14 rebotes que sumou ante o Pabellón Ourense.