Derbi en Cangas para un Cisne que busca os seus primeiros puntos da tempada

Pontevedra
11 de setembro 2020

Sacudidos os nervios da estrea, o cadro pontevedrés afronta este sábado (17.00 horas, TVG2) no Gatañal o seu segundo partido na Liga Asobal co obxectivo de pelexar polo seu primeiro triunfo ante un rival directo pola permanencia

Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

Sacudidos os nervios da súa estrea na Liga Asobal, o Club Cisne Balonmán afronta o seu segundo encontro na máxima categoría con outro obxectivo, sumar os seus primeiros puntos.

A pesar da derrota en Granollers, os de  abato regresaron de Cataluña con boas sensacións e conclusións positivas. "Démonos conta que estamos preparados para competir na categoría" asegura Quiños, o seu segundo adestrador, "e máis contra un equipo que é dos que está chamado a pelexar connosco pola salvación", sinala sobre o próximo encontro.

A cita será das marcadas no calendario, ao visitar o cadro pontevedrés o pavillón do Gatañal de Cangas (sábado, 17.00 horas) nun encontro que será retransmitido pola segunda canle da Televisión de Galicia.

"Temos moitas ganas de afrontalo, tentar que os nervios sexan os mínimos posibles e podamos facer o noso partido", recoñece o técnico.

Será un duelo de alta tensión ao ser conscientes ambos os dous clubs que son rivais directos pola permanencia na categoría.

Aínda que o obxectivo dos do Morrazo é tamén a salvación, desde o Cisne aseguran que o Cangas deu un paso adiante con respecto ao curso pasado con "un equipo que ten dous homes por posto".

É por iso que a receita para Quiños pasa por "minimizar as perdas para que eles non teñan goles fáciles", e en ataque "conseguir correr". 

Ingredientes non lle faltan a un derbi inédito na Liga Asobal e que contará coa presenza de público nas bancadas acorde ao límite máximo establecido polas autoridades.