O particular 'viacrucis' que está a vivir o Club Baloncesto Arxil na Liga Feminina Challenge está a piques de chegar ao seu fin.
As pontevedresas, que non vencen desde a terceira xornada do campionato, encaixaron este Sábado Santo unha nova derrota na súa visita esta vez á cancha do Barça CBS (75-64).
Era o penúltimo compromiso do Arxil na tempada, co seu descenso xa confirmado desde hai semanas.
O seu rival en cambio, aínda que co seu futuro no aire, buscaba pór terra polo medio cos postos perigosos, e iso provocou unha maior intensidade de inicio que se traduciu nun tenteo de 18-8 no primeiro cuarto.
Melloraron as verdes ofensivamente no segundo parcial, pero o Barça seguía sendo máis efectivo e ampliaba a súa renda ao descanso cun claro 43 a 27.
As catalás non baixaban o pistón e comandadas en ataque por Faustine Parra (18 puntos) chegaban aos últimos 10 minutos co partido no bote (67-46).
Só no último cuarto reaccionou o Arxil para maquillar o resultado e achegarse no marcador colocando o 75-64 final, destacando en labores ofensivos Marta Fernández con 15 puntos como máxima anotadora arxilista.
O Arxil pechará o seu periplo en LF Challenge o vindeiro sábado 26 de abril recibindo o Castelló no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Consulta aquí as estatísticas do partido entre Barça CBS e Arxil.