Derrota clara para o Teucro nun descafeinado partido ante o Logroño (23-33)

Pontevedra
11 de abril 2018

Os azuis non atoparon o seu xogo e pagaron os seus erros principalmente en ataque permitindo rápidas transicións do seu rival. A pesar diso non se deron por vencidos ata o tramo final do encontro. A mellor noticia para os pontevedreses, o regreso ás pistas de Óscar Silva

Partido entre Teucro e Logroño no Municipal
Partido entre Teucro e Logroño no Municipal / PontevedraViva

Clara derrota a encaixada pola Sociedad Deportiva Teucro no Municipal ante o Logroño (23-33) nun encontro no que se viron superados polo alto ritmo do seu rival e as súas rápidas transicións. Os erros en ataque permitiron correr aos rioxanos e non o desaproveitaron, da man dun Ángel Fernández que foi todo un pesadelo con 12 tantos, a maioría en contraataque.

O encontro comezou con dous rápidos goles de Yoan Balázquez nos primeiros ataques teucristas. Todo parecía indicar que os azuis saían enchufados e dispostos a pelexarlle os puntos a un dos equipos máis en forma da competición, pero foi un espellismo. Como un auténtico ciclón, os de Jota González empezaron a impoñer o seu xogo. A súa defensa facía aos pontevedreses cometer erros que se convertían en goles rápidos. O resultado foi un parcial de 1-10 (3-10, minuto 19) do que o Teucro non conseguiu recuperarse.

Non foi ata os últimos minutos do primeiro tempo cando os locais tomaron un pouco de aire con tres goles consecutivos, pero o Logroño devolveu o golpe para chegar ao intermedio con +7 (8-15).

Quizais non parecía o día dos de Quique Domínguez, que vían como de saída no inicio do segundo tempo o seu rival poñía a máxima ata entón no marcador con dous rápidos tantos, pero se algo caracteriza aos teucristas esta campaña é que seguen remando a pesar da adversidade en busca dunha oportunidade, reflectida nun parcial de 5-0 que lles metía no choque e facía pensar en que a remontada era posible (13-17). 

Chegou a ter balón o equipo para poñerse a tres, pero dúas perdas consecutivas en ataque permitiron plácidas contras que devolvían unha cómoda renda aos visitantes. A partir de entón os rioxanos controlaron os tempos cos azuis a 5 e 6 goles ata a estirada final, na que sentenciaron para levar os puntos do Municipal.

Foi un encontro descafeinado, con menos público do habitual nas bancadas, tras unha semana na que a gripe fixo dano e no que nada saíu, pero si houbo unha noticia positiva para os locais, a volta ás pistas de xogo de Óscar Silva, lesionado no primeiro partido de liga na casa e que levou a ovación da noite. A permanencia, que segue ao alcance, terá que esperar un pouco máis.

SD TEUCRO (23): Santana, Borja Méndez (5), Balázquez (3), Juan Quintas (1), Carlos García (2p), Dani Hernández (2), Ángel Iglesias (3) -siete inicial- Medina, Moyano (4), Iván Fernández, Samu Gómez (2), De Castro (1), Edu Moledo, Gehrhard, Óscar Silva, Lloria.

BM LOGROÑO (33): Gurutz Aguinagalde, Sánchez-Migallón (2), Javier Muñoz (3p), Garabaya (1), Kukic, Ángel Fernández (12), Garciandia (7) -siete inicial- Kusan, Juan Castro (3), Chiuffa (3), Del Arco (2), Cadarso, Krupa.

Árbitros: Peñaranda Ortega e Yagüe Moros (Aragón). Excluíron a Dani Hernández, Iván Fernández, Medina e Juan Quintas no Teucro e a Kusan e Garabaya no Logroño.

Marcador cada cinco minutos: 2-3, 3-6, 3-7, 4-10, 6-11, 8-15, descanso, 12-17, 14-19, 18-24, 20-27, 22-30, 23-33.

Incidencias: Partido da xornada 25 da Liga Asobal de balonmán disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 400 espectadores. Ao comezo do choque o Teucro entregou un obsequio ao campión do Europa Ángel Fernández, e no descanso rendeuse homenaxe ao equipo infantil feminino, campión galego.