Derrota do Arxil ante o Celta na Copa Galicia (70-77)

Pontevedra
13 de setembro 2017

O equipo pontevedrés deu boa imaxe na súa estrea de pretempada ante a súa afección ata que lle abandonaron as forzas no último cuarto

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Celta
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Celta / Mónica Patxot

O Club Baloncensto Arxil presentouse este martes ante a súa afección cun encontro de Copa Galicia ante o Celta (70-77) no que deixou sensacións positivas.

Foi así durante gran parte do choque, ata que lle abandonaron as forzas no último cuarto e as viguesas remontaron cun contundente parcial de 7-24.

O choque comezou igualado nos primeiros 10 minutos (20-21), pero as verdes fóronse facendo co control para chegar ao descanso en vantaxe (44-40).

Tras o descanso as de Mayte Méndez mostraron a súa mellor versión e parecían encarrilar o duelo (63-53), pero chegou a baixada de rendemento final que lles privou do triunfo.

Foi ademais unha boa estrea no CGTD para a británica Chantel Charles, única novidade no cadro arxilista e que logrou 13 puntos, acompañando en ataque a Mallou (15), Ana Román (15) e María Lago (16).