Derrota de Jéssica Bouzas en Cincinnati ante a número un Sabalenka

O Salnés
14 de agosto 2025

A tenista arousá apertou o número un mundial no segundo set, pero non puido con ela e despídese do WTA 1.000 de Cincinnati nos oitavos de final

Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup RFET

A aventura de Jéssica Bouzas no WTA 1.000 de Cincinnati chegou a súa fin.

O número un mundial, Aryna Sabalenka, derrotou a arousá nos oitavos de final do torneo, unha derrota que non opaca a gran xira norteamericana de Bouzas que lle vai levantar ata o número 40 do ranking mundial.

Jéssica chegou a cuartos de final en Montreal e agora caeu con honra fronte a Sabalenka nun partido ao que lle custou entrar no primeiro set, sobre todo polo seu pouco acerto co servizo, pero no que apertou na segunda manga.

De feito no segundo set chegou a dominar 5-4.

Con todo Sabalenka foi moi consistente e levou o encontro por 6-1 e 7-5 en 1 hora e 21 minutos.

"Sabía antes do partido que ía ter que traballar cada punto. Ela non empezou ben, pero atopou o ritmo e foi unha batalla complicada. Estou feliz por gañar en dous sets. Non quería estar aquí tres horas", explicou tras o partido en declaracións á WTA o número un mundial recoñecendo en Bouzas a "unha gran xogadora"

Tras a súa participación nos dous WTA 1.000 da xira americana agora Jéssica Bouzas ten previsto competir no WTA 500 de Monterrey.

Todo co último gran slam da tempada, o US Open, no horizonte.