Derrota con sensacións positivas para o Cisne na final da Supercopa Galicia

Pontevedra
07 de setembro 2025

O conxunto pontevedrés deu a cara fronte ao Balonmán Cangas, equipo da máxima categoría, caendo por só dous goles (28-30) nun encontro disputado en Vilagarcía de Arousa

Final da Supercopa Galicia entre Cisne e Cangas
Final da Supercopa Galicia entre Cisne e Cangas / Club Cisne Balonmano

Cun sorriso a pesar da derrota. Así conclúe a pretempada para o Club Cisne Balonmán tras disputar este domingo en Vilagarcía de Arousa a final da Supercopa Galicia.

O rival non era outro que o Balonmán Cangas, único equipo galego da máxima categoría, e o equipo pontevedrés deu a cara cedendo unha axustada derrota por 28-30.

É máis, os de Quiños xogaron de poder a poder ante un opoñente de Asobal durante un igualadísimo primeiro tempo, no que chegaron a contar con algunha mínima vantaxe pero que se pechou cun 14-15.

Tras o descanso o Cangas saíu cunha marcha máis que o Cisne, e abriu unha brecha no marcador.

A pesar diso o conxunto da Boa Vila non se deixou ir e reaccionou para entrar nos últimos dez minutos a só dous tantos.

Esa desvantaxe mantívose até o final do encontro.

Destacaron no Cisne, como máximos goleadores do choque, Alberto Delgado e Joao Ferreira, con sete tantos cada un.

Sensacións positivas en definitiva cando no horizonte aparace xa a estrea ligueira, previsto para o vindeiro sábado 13 de setembro na casa (20.00 horas) contra o OAR Coruña.