Derrota sobre a bucina do Poio FS (3-2) en Alcorcón

Poio
01 de marzo 2015

As vermellas remontaron dous goles en contra, pero remataron cedendo cun gol de Andrea Feijoo a cinco segundos para a conclusión do choque

Partido entre Poio FS e AD Alcorcón na Seca
Partido entre Poio FS e AD Alcorcón na Seca / Diego Torrado

Dolorosa derrota do Poio Fútbol Sala en Alcorcón despois dun vibrante partido.

Un gol de Andrea Feijoo para as madrileñas a falta de cinco segundos para a conclusión condenou a derrota ás vermellas, que lograran remontar unha desvantaxe de dous tantos.

O Alcorcón adiantouse aos 10 minutos por medio de Vadillos e controlou o xogo na primeira metade cun Poio que buscaba a súa oportunidade á contra.

Xa na segunda metade Ana Luján facía o 2-0, momento no que as futbolistas adestradas por Gonzalo Iglesias deron un paso á fronte.

Raquel Souza aproveitou un servizo de Claudia para recortar distancias de inmediato, no 29, e seis minutos despois repetiu diana para facer a igualada.

Comezaba un novo e igualado encontro de só seis minutos que se decidiu case sobre a bucina premiando a ambición local, que xogou os últimos instantes de cinco.

Esta derrota deixa o Poio Fútbol Sala na décima posición da Primeira División con 24 puntos, aínda con 10 de vantaxe sobre a zona de descenso.

AD ALCORCÿN (3): Miriam, Cris Llanos, Isa García, Andrea Feijoo, Vadillos -cinco inicial-  Ana Luján, Desirée, Leire, Cris Romero, Orive.

POIO FÿTBOL SALA (2): Silvia, Yoli, Jenny, Claudia, Charo -cinco inicial- Paloma, Raquel Souza, Nerea, Elena.

Árbitros: Iván Fernández e Víctor Manuel Gámez. Amoestaron a Paloma no Poio.

Goles: 1-0 Vadillos (min.10), 2-0 Ana Luján (min.29), 2-1 Souza (min.29), 2-2 Souza (min.34), 3-2 Andrea Feijoo (min.40).

Incidencias: Partido disputado no Pabellón Municipal Los Cantos de Alcorcón.