Derrotas do Leis na casa e ADFS Bueu na pista do líder

Pontevedra
04 de abril 2016

O Bueu plantou cara durante o primeiro tempo na pista do líder pero terminou cedendo, mentres os pontevedreses víronse sorprendidos polo Cistierna

Partido entre Leis Pontevedra e Guardo FS
Partido entre Leis Pontevedra e Guardo FS / Diego Torrado

O Leis Pontevedra afástase da cuarta praza da clasificación da Segunda B tras verse sorprendido na casa polo Cistierna (3-4), nun partido disputado no pavillón de Príncipe Felipe debido ao Campionato de España de Loitas Olímpicas que ocupaba o Municipal.

Os pontevedreses cederon no último suspiro nun partido que dominaran no electrónico.

Aos 8 minutos Dani adiantou aos de Manu Cossío, e no 18 Raúl facía o segundo. Era unha boa renda para o descanso, pero antes do intermedio o Cistierna recortou distancias.

Os visitantes empataron mediado o segundo tempo, pero Pablo Durán puxo en vantaxe de novo ao Leis a falta de tres minutos. Con todo non lograron conservar a renda e o Cistierna remontaría con dous tantos nos dous últimos minutos.

O resultado fai que os pontevedreses caian á sexta praza con 38 puntos.

Pechacancelas segue pola súa banda o ADFS Bueu, que plantou cara ao líder a domicilio (4-1). Completaron unha boa primeira metade, na que só un erro defensivo púxoos en desvantaxe, pero na segunda parte o físico non aguantou e víronse superados con claridade.

Os do Morrazo seguen sendo últimos con 13 puntos, a sete do Sala Ourense.

O LEIS MARCÓN PERDE EN TOLEDO

Non parecía o peor desprazamento da tempada o que debía afrontar este fin de semana o Leis Marcón na Segunda División Feminina, pero as pontevedresesas realizaron un mal partido en Toledo.

Terminaron perdendo o encontro por 3-2 despois de ir a remolque no marcador desde o minuto 8. A derrota deixa ao Leis na décima praza con 18 puntos.