Derrotas do Umia e Atlético Arousana fronte ao Victoria FC e Deportivo B

Umia
28 de febreiro 2021

Umia CF e Atlético Arousana atopáronse cunha nova derrota esta fin de semana. O Umia recibiu ao Victoria FC na Bouza, nun partido onde na primeira parte dominou o equipo de Santiago e a segunda foi para as locais. Pola súa banda, o Atlético Arousana caeu goleado na súa visita a Abegondo por un superior Deportivo  B que sentenciou o partido en 35 minutos

Partido entre o Umia CF e o Victoria FC
Partido entre o Umia CF e o Victoria FC

Umia CF e Atlético Arousana atopáronse cunha nova derrota esta fin de semana. O Umia recibiu ao Victoria FC na Bouza, nun partido onde na primeira parte dominou o equipo de Santiago e a segunda foi para as locais. Pola súa banda, o Atlético Arousana caeu goleado na súa visita a Abegondo por un superior Deportivo B que sentenciou o partido en 35 minutos.

UMIA CF 1-2 VITORIA FC

Dura derrota para o Umia esta fin de semana ante o Victoria FC.

Saíron replegadas as de Barrantes na primeira metade, buscando o erro rival para xerar ocasións. Con todo, a mala colocación no terreo de xogo xerou moitos ocos que foron aproveitados polo equipo rival para facerse coa vitoria.

O dominio durante o primeiro acto foi total para as de Santiago, que tiveron a posesión e non deixaron xogar a un Umia que se viu con dous goles en contra en menos de 10 minutos. O primeiro chegou por mediación de Paula Paredes, que sacou un disparo afastado que se coou ao interior da portería (min. 26). No segundo, Laura Mosquera aproveitou os espazos que deixou a defensa local para recibir un pase entre as rivais e coar o esférico de vaselina e poñer o 0-2 (min. 33).

Despois do descanso chegaron os cambios no Umia, que subiu as liñas e aumentou a presión para pasar a dominar e recortar diferenzas. Aos dez minutos do paso polos vestiarios, Carla Rial recibiu o esférico na frontal da área tras un despexe da defensa e colocou o 1-2.

Seguiu buscando o gol do empate o equipo de Barrantes, pero por máis que o tentou non foi capaz de mover o marcador e o partido concluíu en 1-2.

DEPORTIVO B 6-0 ATLÉTICO AROUSANA

O Atlético Arousana sumou unha nova derrota esta fin de semana ao caer goleado en Abegondo polo Deportivo B.

Puido poñerse o equipo vilagarcián por diante no minuto 8 cando Melani plantouse soa diante da porteira, que rexeitou o esférico. Laura tentouno despois pero o seu disparo saíu rexeitado por unha defensora local. 

Esa foi a única ocasión para o Atlético Arousana, que non tardou en atoparse cunha laxa encima imposible de levantar.

Comezou a cometer erros defensivos, aproveitados por un Dépor moi eficaz en ataque que enviaba á rede todo o que tiña. Así, en tan só 35 minutos, María, Navia, Andrea e Tati, esta por partida dobre, endosaron cinco goles para deixar sentenciado o partido.

Xa na segunda metade e con todo perdido, un gol solitario de Sara, que rematou un córner, puxo o 6-0 co que se se alcanzou o final do encontro.

Con este resultado, o Deportivo B colócase líder provisional con 29 puntos, a un do Viaxes Interrías, que ten dous partidos menos disputados.