O Umia golea o Valladares (4-0) e o Arousana cae na súa visita o Victoria CF (4-1)

O Salnés
14 de marzo 2021

O Umia CF goleou ao pechacancelas, o Valladares, no partido disputado na Bouza por 4-0. Pola súa banda, o Atlético Arousana caeu por 4-1 no encontro ante o Victoria CF

Partido entre o Umia CF e o Valladares
Partido entre o Umia CF e o Valladares / Umia CF

O Umia CF goleou ao pechacancelas, o Valladares, no partido disputado na Bouza por 4-0. Pola súa banda, o Atlético Arousana caeu por 4-1 no encontro ante o Victoria CF.

UMIA CF 4-0 VALLADADARES

O Umia tiña claro que tiña que facerse cos tres puntos no partido disputado na Bouza este domingo. A inciativa foi para o Valladares e as de Barrantes buscaron o erro dun rival ao que lle custaba moito trenzar as xogadas.

Os catro goles chegaron da mesma maneira. No minuto 17, Eva enviou un pase entre liñas a Nati, que cruzou á porteira e enviou á rede.

Tres minutos despois foi o 2-0. Esta vez foi Nati a que pasou a Eva para converterse en goleadora.

Co paso dos minutos o xogo centrouse no medio campo, con poucas ocasións para un Umia que se relaxou e esperou a que chegase o descanso.

Tras o intermedio e en tan só 6 minutos, as de Barrantes sentenciaron aproveitando a defensa adiantada do equipo rival. Eva valeuse dos ocos na zaga do Valladares para facerse co esférico, regatear á porteira, que parou o primeiro disparo, e enviar no segundo rexeite a gol (min. 53).

Pouco despois, a goleadora do Umia realizou unha boa xogada individual. O seu disparo parouno a porteira visitante pero o balón caeu nos pés de Cris Santoro, que puxo o 4-0 co que se alcanzou o asubío final.

VITORIA CF 4-1 ATLÉTICO AROUSANA

Dura derrota do Atlético Arousana este domingo ante as líderes, o Victoria CF.

As de Vilagarcía saíron ao campo cedendo a iniciativa ás locais, que non tiñan oposición na circulación de balón e deixaron sen opcións a un Arousana que foi de menos a máis a pesar do resultado.

O primeiro gol chegou cando se alcanzaba o minuto 25, cun tiro desde fóra da área de Cetina onde non puido chegar Iria.

Tentou aguantar o resultado o Arousana, pero o 2-0 chegou cun centro desde banda esquerda que pillou desprevidas ás de amarelo. Alba Suárez chegou desde atrás para empuxar sen oposición o balón á rede (min. 38). Melani puido reducir distancias antes de alcanzar o descanso pero o seu disparo foise rozando a portería local.

Despois do paso polo vestiario chegou o gol para as visitantes. Arufe meteu un pase entre as centrais a Laura, que se plantou soa diante da porteira para definir e facer único gol visitante (min. 57).

A goleadora Arousana tivo o 2-2 nas súas botas, pero o linier levantou o banderín para anular a xogada na que non faltou a polémica.

Non tardou en chegar o terceiro gol do Vitoria, e da mesma maneira que o 2-0, pero esta vez foi María Nogueira a que enviou o balón á rede. 

Co Arousana envorcado arriba tentando reducir distancias, chegou o cuarto e definitivo tanto. O minuto 83, Nogueira aproveitou que o equipo visitante estaba descolocado e a porteira adiantada para colocar de vaselina o 4-1 co que finalizou o encontro.