Nati dá a vitoria o Umia no derbi ante o Atlético Arousana (0-1)

O Salnés
20 de marzo 2021

A primeira fase da Primeira División Nacional chegou ao seu fin para Atlético Arousana (7 puntos) e Umia CF (17 puntos) con vitoria para as de Barrantes pola mínima. Nati foi a autora do gol nun derbi no que as locais mereceron moito máis pero non souberon aproveitar as ocasións das que gozaron. Agora, ambos os equipos loitarán pola permanencia contra os catro últimos clasificados do Subgrupo 1B

Partido de Primeira Nacional entre o Umia CF e o Viajes Interrías FF na Bouza
Partido de Primeira Nacional entre o Umia CF e o Viajes Interrías FF na Bouza / Cristina Saiz

A primeira fase da Primeira División Nacional chegou ao seu fin para Atlético Arousana (7 puntos) e Umia CF (17 puntos) con vitoria para as de Barrantes pola mínima. Nati foi a autora do gol nun derbi no que as locais mereceron moito máis pero non souberon aproveitar as ocasións das que gozaron. Agora, ambos os equipos loitarán pola permanencia contra os catro últimos clasificados do Subgrupo 1B. 

Empezou o partido con ambos os equipos tenteándose, tentando xerar perigo realizando unha presión alta para buscar o erro rival.

Co paso dos minutos o Arousana empezou a gustarse e a ter as mellores ocasións do partido, pero o balón non quería entrar.

Tívoa Belén por partida dobre con senllos centros de Miri desde o costado esquerdo. Ao primeiro non chegou a pesar de entrar sen oposición, e o seguinte rematouno mal e o esférico quedou morto na área pequena.

A oportunidade máis clara chegou cando se alcanzaba o ecuador do primeiro acto. De novo Belén, esta vez para facer de asistente, enviou o balón ás costas da defensa onde recibiu Laura, que sacou un disparo cruzado que se estrelou na madeira.

Co empate sen goles comezou a segunda metade e, dous minutos despois do inicio, o Umia adiantouse na súa primeira chegada clara do partido. Nati, despois de aproveitar un mal entendido entre a zaga e a porteira locais, enviou o balón a porta baleira para poñer o 0-1.

A falta de precisión nos últimos metros estaba a afectar ao Arousana, que xerou perigo cun lanzamento de falta de Laura pero quedou curto e atallou Pipa sen dificultade.

Seguiu buscando a igualada o equipo local, que quedaba cunha xogadora menos pola lesión de Melani e con todos os cambios feitos. Mentres, o Umia tentaba aguantar as continuas chegadas Arousanas para manter a portería a cero e levar o últimos tres puntos da primeira fase a Barrantes.