Descartan que Álvaro Bustos sufra unha rotura muscular

Pontevedra
08 de marzo 2019

As probas ás que foi sometido o extremo este venres descartan que sufra unha rotura no seu xemelgo pero revelan unha  elongación que lle impedirá estar dispoñible para o encontro do domingo ante o Burgos

Álvaro Bustos, no partido entre Pontevedra e Internacional de Madrid en Pasarón
Álvaro Bustos, no partido entre Pontevedra e Internacional de Madrid en Pasarón / Diego Torrado

Respira tranquilo o Pontevedra Club de Fútbol tras descartar unha lesión de consideración de Álvaro Bustos.

O extremo granate, que o mércores terminou o adestramento con molestias no xemelgo e o xoves non se exercitou, foi sometido este venres a probas médicas para determinar o alcance exacto da doenza.

A boa noticia é que non existe rotura muscular no xemelgo. A mala, que si hai lesión e non estará dispoñible o vindeiro domingo para o encontro ante o Burgos en Pasarón.

Segundo o diagnóstico do médico do club, o Dr.  Barragáns, Bustos sofre unha elongación, polo que seguirá nos próximos días tratamento médico e rehabilitador e "a súa actividade deportiva inmediata dependerá da evolución".

Descartado para a inminente xornada, o obxectivo céntrase agora en que o futbolista poida estar recuperado para o duelo da seguinte fin de semana ante o Salamanca CF.