Desvelado o calendario de competición na Liga Feminina 2 de baloncesto

Pontevedra
17 de xullo 2018

A competición na categoría de prata do baloncesto nacional, na que participarán un ano máis tanto o Arxil pontevedrés como o Cortegada de Vilagarcía, iniciarase o sábado 6 de outubro con partidos na casa para ambos os dous equipos

Partido entre Arxil e Cortegada no CGTD Diego Torrado

Tanto o Club Baloncesto Arxil como o Cortegada xa coñece cal será o seu camiño a próxima tempada na Liga Feminina 2 de baloncesto tras o sorteo do  calendario de competición.

"Será unha liga moi esixente tanto a nivel competitivo como a nivel de desgaste", recoñece Lino Vázquez desde o Arxil, que apostará ademais por un plantel curto.

O club pontevedrés contará cun inicio a priori complicado, xa que despois de debutar o 6 de outubro na casa ante o Mataró Parc Boet deberá medirse a algúns dos favoritos. Así na segunda xornada de liga visitará o último campión da liga regular, o Celta Zorka, mentres que na terceira xornada chegará o outro derbi provincial, ante o Cortegada en Vilagarcía (20 de outubro).

O outro duelo de rivalidade entre Arxil e Cortegada, no pavillón do CGTD de Pontevedra, terá lugar o día 2 de febreiro.

En canto ao club arousán, iniciará a competición precisamente ante o potente Celta Zorka, sendo o seu primeiro desprazamento outro derbi galego, na segunda xornada ante o Maristas Coruña.

A primeira volta da Liga Feminina 2 concluirá o día 12 de xaneiro, mentres que a última xornada da fase regular quedou fixada para o día 13 de abril, con partidos na casa para Arxil e Cortegada ante CBF Cerdanyola e Inmobiliaria Víctor Antuña respectivamente.

Consulta aquí o calendario completo do Grupo A da Liga Feminina 2 de baloncesto.