Diego Romero consegue a praza para o preolímpico de C-1 1.000 metros

Poio
06 de maio 2016

O padexeiro do Breogán do Grove impúxose no selectivo disputado en Trasona, Asturias, e pelexará pola clasificación olímpica en Duisburg (Alemaña). Adrián Sieiro, Sergio Vallejo e Álex Bernárdez, do Piragüismo Poio, sen opcións

Diego Romero e Tono Campos durante a Copa de España de 1.000
Diego Romero e Tono Campos durante a Copa de España de 1.000 / Federación Galega Piragüismo

Diego Romero terá en Duisburg, Alemaña, unha última oportunidade de acudir aos Xogos Olímpicos de Río 2016 ao claficarse para o preolímpico europeoi.

O padexeiro vilagarcián do Breogán do Grove impúxose este venres no último selectivo nacional de C-1 1.000 metros celebrado no encoro asturiano de Trasona.

Romero gañou ao resto de participantes cun tempo de 4 minutos 5 segundos, con dous segundos de vantaxe sobre André Oliveira.

A carreira non deu opcións aos deportistas do Piragüismo Poio Pescamar inscritos: Adrián Sieiro, Sergio Vallejo e Álex Bernárdez. O máis afectado ao termo da carreira foi Sieiro, un dos aspirantes ao primeiro posto, que parou a 400 metros de meta tras non ter boas sensacións e chegar a agarrotarse na piragua. Vallejo pola súa banda concluíu cuarto e Bernárdez sexto.

TERESA PORTELA CONSEGUE O SEU SEGUNDO BILLETE OLÍMPICO

A protagonista da xornada en Trasona foi con todo Teresa Portela (Ría de Aldán), ao impoñerse na final do K-1 500 metros (1:54,257) nunha apertada proba na que Natalia García (Breogán) foi novena.

Ao contar xa con pasaporte olímpico no K-1 200, logrado no Mundial de Milán, a padexeira canguesa clasifícase directamente para os Xogos nesta segunda distancia. Será a súa quinta participación nuns Xogos Olímpicos.