Discreto partido con derrota do Cisne en Bordils (30-26)

Pontevedra
10 de febreiro 2018

Gañou quen máis o necesitaba. Handbol Bordils fíxose forte na súa pista e aproveitou as habituais fochancas de xogo do Cisne para facerse con dous puntos que permiten respirar ao equipo catalán na súa loita pola permanencia

Partido entre Handbol Bordils e Cisne
Partido entre Handbol Bordils e Cisne / Club Handbol Bordils

Gañou quen máis o necesitaba. Handbol Bordils fíxose forte na súa pista e aproveitou as habituais fochancas de xogo do Cisne para facerse con dous puntos que permiten respirar ao equipo catalán na súa loita pola permanencia.

Os locais dominaron practicamente durante todo o partido a un Cisne intermitente que cada vez que se achegaba no marcador inmediatamente encaixaba parciais que tiraban pola borda o traballo anterior, sendo incapaces de inquietar seriamente en ningún momento ao seu rival.

Pouco máis de 11 minutos resistiu o Cisne (5-4) antes de que chegasen as súas habituais lagoas de xogo que lle fixeron encaixar un primeiro parcial de 4-0 e con el a obrigación de ir a remolque o resto do partido.

Aínda que os brancos reduciron (10-9), nos últimos seis minutos antes do descanso os cataláns pasáronlles por encima, recuperando a renda para irse ao vestiario mandando (15-11).

Na continuación de novo o Cisne achegouse (15-14), pero sería xa o seu último intento. Handbol Bordils, consciente do que se xogaba, apertou a fondo para deixar moi claro que o partido non se lle ía a escapar, logrando a súa máxima vantaxe (22-16), que logo soubo administrar para chegar ao final gañando con comodidade (30-26) a un Cisne que unha vez máis demostrou que lonxe da súa pista baixa moitos enteiros o nivel do seu xogo.

Consulta as estatísticas do partido entre Handbol Bordils e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.