O Cisne afunde ao final e cae na súa visita ao Barcelona B (29-23)

Pontevedra
24 de febreiro 2018

Cuarta derrota consecutiva dun Cisne que practicamente di adios a calquera opción de coarse en postos de play-off ao caer na Ciutat Esportiva Joan Gamper, ante un Barcelona B que soubo defender unha curta renda durante todo o partido, para terminar sentenciando ao equipo pontevedrés nuns cinco minutos nos que borraron aos de Jabato da pista

Partido entre Cisne e Barcelona B no CGTD
Partido entre Cisne e Barcelona B no CGTD / Diego Torrado

Cuarta derrota consecutiva dun Cisne que practicamente di adios a calquera opción de coarse en postos de play-off ao caer na Ciutat Esportiva Joan Gamper, ante un Barcelona B que soubo defender unha curta renda durante todo o partido, para terminar sentenciando ao equipo pontevedrés nuns cinco minutos nos que borraron aos de Jabato da pista.

A pesar de que por segunda xornada desde a súa marcha por estudos o Cisne contou co "reforzo" de Álex Chan, os galegos foron case sempre a remolque no marcador e non lograron impoñer o ritmo que lles conviña, nin frear á tripleta formada por Joan Amigó, Víctor Tremps e  Pere Vaquer, autores de 19 dos 29 goles do filial blaugrana.

Desde os primeiros minutos o Barcelona púxose por diante, logrando en pouco máis de seis minutos unha máxima renda de tres goles (5-2), que o Cisne unicamente foi capaz de neutralizar cun parcial de 0-4 para lograr a súa única vantaxe en todo o partido (5-6) superado o minuto 10 de xogo.

A partir de aí o Barcelona soubo facer valer a súa condición de local, con vantaxes que chegaron a un máximo de catro goles (14-10) a falta de cinco minutos para o descanso, ao que se chegou con superioridade local (14-12), aínda que todo por decidir.

O Cisne tentouno na segunda parte, pero o máximo que conseguiu foi poñerse a un só gol por baixo en varias ocasións e cada vez que o lograba, os azulgranas respondían abrindo novamente a pequena pero importante brecha de tres goles.

Así se chegou aos últimos seis minutos con mínima vantaxe dos cataláns (23-22), momento en que o Barcelona acelerou para sentenciar cun parcial favorable de 5-0 que nin sequera un tempo morto solicitado por Jabato puido cortar e os azulgrana terminaron gañando con autoridade (29-23).

Consulta as estatísticas do partido entre Barcelona B e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.