Bea Gómez foise de baleiro da última xornada do Campionato de España Open de Málaga, tras finalizar novena nos 400 libre.
A nadadora pontevedresa non logrou meterse na pelexa polas medallas, véndose relegada a unha final B na que se impuxo cun tempo de 4:13.66, preto do seu récord galego.
Con todo o balance do campionato pode cualificarse de positivo malia a autoesixencia mostrada pola propia Gómez Cortés, pois se despide da competición con tres medallas (dúas pratas e un bronce) e dúas mínimas mundialistas, en 800 libre e 400 estilos.
Bea non foi a única representante do Galaico na última xornada do Open, na que tamén tomaron parte Alicia Conde, cunha marca de 4:38.83 nas series dos 400 libre, e Daniel Sánchez, que logrou un tempo de 1:01.65 nas eliminatorias do 100 costas.