Unha distracción co móbil causou o accidente no que foi atropelada Violeta Hernández, ciclista do Farto

Pontevedra
09 de maio 2025
Actualizado: 18:18

A deportista do Farto pontevedrés "recupérase favorablemente", confirma o seu equipo tras afrontar unha dobre intervención cirúrxica como consecuencia do accidente

Violeta Hernández, no hospital no que se recupera tras ser atropelada adestrando
Violeta Hernández, no hospital no que se recupera tras ser atropelada adestrando / Team Farto

Violeta Hernández, corredora do Team Farto - Kiroot que sufriu un atropelo mentres adestraba o pasado mércores en Molina de Segura,"recupérase favorablemente".

Así o confirma o club pontevedrés explicando que debido ás lesións sufridas "afrontou unha dobre intervención cirúrxica: a mesma noite unha cirurxía facial para tratar lesións diversas no rostro e o pómulo, e na tarde do xoves para tratar a fractura de radio no seu pulso esquerdo".

A ciclista conta tamén numerosos traumatismos por todo o corpo, pero polo menos as probas médicas ás que foi sometida a maiores para descartar lesións internas ou de maior consideración ofreceron un resultado satisfactorio.

En canto ás causas do accidente, avanza o Farto, a falta de coñecer o atestado completo das forzas de seguridade, que a condutora responsable, con aproximadamente un ano de experiencia co carné de conducir, "tería admitido terse distraído manipulando un teléfono móbil".

A condutora permaneceu en todo momento no lugar do accidente.

Xunto a Violeta Hernández circulaban outros dous ciclistas, sendo a corredora do Farto a segunda da fila. Un deles resultou ileso, e o outro sufriu fracturas nunha perna.

A corredora, afirma o seu equipo, "sente optimista e con ganas de iniciar o proceso de recuperación", coa previsión de poder recibir a alta hospitalaria nos próximos días.

Violeta agardaba participar en próximas datas no Campionato de España de Gravel, e no seu calendario estaban programadas varios voltas UCI en xuño, así como a cita da Copa de España en Murcia.