Grandes noticias para o Club Piragüismo Vilaboa tras coñecer que un dos seus padeeiros, Alexandre Míguez, representará a España no próximo Campionato de Europa de Sprint junior.
Este logro ten máis mérito se cabe xa que a clasificación do piragüista vilaboés para competición europea foi por partida dobre.
En primeiro lugar, Alexandre logrou a súa praza para o ECA Canoe Sprint Junior & U23 European Championships o pasado 22 de maio na proba de K2 1000 metros junior. Apenas oito días despois, o padeeiro clasificouse tamén para o ECA Canoe Marathon European Championships na proba de K1 junior.
A dificultade de lograr a clasificación europea para dúas modalidades con características tan diferentes como son o sprint e o maratón é o que converte este éxito nunha fazaña pouco habitual no piragüismo de alto nivel.
Tras varios días de suspense, o piragüista e o seu club coñeceron a decisión da dirección técnica da Real Federación Española de Piragüismo de outorgar o dereito ao deportista para decidir en que campionato competir.

Esta decisión inclinouse polo Campionato de Europa de Sprint, unha modalidade na que Alexandre debutará como internacional.
Con todo non será a súa primeira vez co combinado nacional, pois xa representou a España no Campionato do Mundo de Maratón de 2025.
Deste xeito, Alexandre Míguez incorporarase á concentración do Equipo Nacional en Trasona co resto de compañeiros da selección junior para preparar a proba de K2 1000.