Dobre final para Antía Jácome no Mundial Sprint de Copenhague

Pontevedra
17 de setembro 2021

A padexeira da EP Ciudad de Pontevedra clasificouse na primeira xornada mundialista para a final do C-2 500 xunto a Antía Otero, e este venres repetiu pase directo no C-1 200 asegurándose estar na pelexa polos metais

Antía Jácome competindo na Copa do Mundo de Szeged Federación Galega de Piragüismo

Antía Jácome estará, por partida dobre, na pelexa polas medallas do Campionato do Mundo Sprint de Piragüismo que se está celebrando en Dinamarca.

A padexeira da  EP Ciudad de Pontevedra debutou o xoves cun terceiro posto na súa serie do C-2 500, que defende coa marinense Antía Otero, que lle daba o pase directo á final, e este venres repetiu o trámite no C-1 200 metros, proba na que conseguiu diploma olímpico en Tokyo, ao ser segunda na súa eliminatoria.

Jácome e Otero pelexarán polos primeiros postos na final do C-2 500 este sábado, ás 11.09 horas da mañá, mentres que a proba individual de canoa de 200 metros disputarase o domingo ás 11.03 horas.

Tamén pasaron á final no C-2 1.000 metros Noel Domínguez (Breogán do Grove) remando finalmente con Manuel Fontán (Náutico O Muíño) grazas ao terceiro posto na súa eliminatoria. No seu caso a final, todo un premio, está fixada para as 12.26 horas do sábado.

Fontán avanzou á súa vez ata as semifinais do C-1 500 metros.

Tivo que acudir tamén á semifinal Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) xunto a Sara Ouzande no K-2 500 metros, pero o seu quinto posto impediulles meterse na final A e por tanto na loita polas medallas.

Por último Adrián Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) competirá tamén este sábado na distancia de  C-4 500 metros (12.48 horas).