Dobre medalla de bronce para os piragüistas galegos no test de Tokio

Pontevedra
16 de setembro 2019

Teresa Portela confirma o seu bo final de tempada cun terceiro posto no K1 200 e a dupla formada por Sergio Vallejo e Adrián Sieiro manteñen intactas as súas esperanzas de clasificación olímpica ao facerse oco no podio

Teresa Portela no podio do test olímpico de Tokio
Teresa Portela no podio do test olímpico de Tokio / Fegapi

Os piragüistas galegos que participaron a pasada fin de semana nun test olímpico para probar o campo de regatas dos próximo Xogos Olímpicos de Tokio atópanse xa de camiño a casa. E fano con dúas medallas de bronce na maleta e boas sensacións para a gran cita do próximo verán.

Unha das que conseguiu o metal xa ten asegurado o pase para os seus sextos xogos. É a kayakista Teresa Portela, que cruzou a liña de meta da proba do K1 200 en terceira posición, só superada pola bielorrusa Mariña Litvinchuk e a sueca Linnea Stensils.

Pendentes da súa clasificación están aínda os canoistas do CP Poio. Sergio Vallejo e Adrián Sieiro chegaron a esta cita despois de dúas semanas de descanso e coa mente posta no próximo ano, no que deben confirmar a súa clasificación olímpica. Aínda así, a dupla galega realizou un extraordinario final de regata no que foron incrementando o ritmo nos metros finais para colocarse na terceira posición.

A representación pontevedresa pechouna Antía Jácome que no C1 200 non puido clasificarse para a final, pero no C2 500, acompañada por Patricia Coco, alcanzaron un meritorio quinto posto.