Un dos datos máis impactantes de cara ao encontro deste sábado fronte o Celta Fortuna (16:15, Municipal de Pasarón), reside na incapacidade do club lerezano de gañar un encontro dirixido por Jaime Ruíz Álvarez.
O asturiano arbitrou o Pontevedra Club de Fútbol até en doce ocasións e ningunha delas terminou con triunfo dos granates.
O úlitmo encontro foi precisamente na xornada 4 da presente tempada fronte o Athletic B, partido disputado en Lezama que terminou con derrota do equipo de Rubén Domínguez (1-0).
E é que Ruíz Álvarez acumula 17 tempadas na categoría de bronce repartidas en doce na extinta Segunda B e cinco na actual Primeira Federación.
Esta traxectoria, moi similar á do conxunto lerezano, explica que os camiños de ambos cruzáranse tantas veces. O que non deixa de ser sorprendente é que en ningunha destas ocasións o Pontevedra lograse sumar os tres puntos.
En concreto, o balance de resultados do equipo da Boa Vila nos doce encontros dirixidos polo asturiano é de seis empates e seis derrotas.
Se trasladamos a estatística aos partidos que o Pontevedra disputou como local en Pasarón, a cifra é de tres derrotas e catro empates.
En canto ao club vigués, esta será a primeira vez que Ruíz Álvarez dirixa un partido do Celta Fortuna na presente tempada.
Con todo, os camiños de ambos se cruzaron nun total de 24 ocasións, o dobre que no caso do conxunto granate. A súa estadística mostra uns datos moito menos rechamantes con nove vitorias, cinco empates e dez derrotas para os da cidade olívica.
Tamén hai precedentes de enfrontamentos entre Pontevedra e Celta Fortuna baixo o arbitraxe de Ruíz Álvarez. A primeira vez foi na xornada 1 da tempada 17/18 nun encontro gañado polos celestes (2-1). A segunda, na xornada 12 da tempada 20/21 (1-1).
Sen dúbida é unha estatística rechamante que o equipo dirixido por Rubén Domínguez tratará de romper este sábado cunha vitoria no Municipal de Pasarón.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.