Rubén Domínguez, optimista de cara ao derbi co Celta Fortuna: "Imos xogar desde a ilusión"

Pontevedra
24 de abril 2026

O adestrador do cadro granate explicou que o equipo percibe a ilusión da afección e que "non sabedes a gasolina que nos dá iso". Luisao será baixa por sanción, Álvaro Pérez dubida até última hora

Rubén Domínguez na rolda de prensa previa ao derbi contra o Celta Fortuna
Rubén Domínguez na rolda de prensa previa ao derbi contra o Celta Fortuna / Alberto de Madrid Lafuente

O Pontevedra Club de Fútbol regresa a Pasarón este sábado ás 16:15 para disputar o encontro correspondente á xornada 34. Os granates, terceiros na clasificación, mediranse ao Celta Fortuna nun partido de vital importancia na loita polo play-off.

O técnico do cadro lerezano, Rubén Domínguez, analizou o transcendental choque empezando polo habitual repaso do plantel. Luisao será a principal baixa para o partido xa que viu a quinta amarela a xornada pasada contra o Deportivo Guadalajara. Será dúbida Álvaro Pérez, que arrastra unhas molestias musculares.

As recentes vitorias do conxunto granate deixan o equipo nunha posición de privilexio ao ocupar a terceira praza con 52 puntos. Domínguez, optimsita nas súas declaracións, confesou que "fai 4 ou 5 semanas non se percibía esa ilusión, agora si que se percibe, os xogadores agora perciben a ilusión".

"Agora si que sentimos a ilusión de verdade e non sabedes a gasolina que nos dá iso. Imos xogar desde o gañar, desde a ilusión, desde o saber a gran entrada que vai haber", engadiu.

Fixo fincapé o adestrador ourensán en que "a ilusión e responsabilidade non nos vai a gañar ninguén e nestas 5 xornadas, independentemente do rival, ímonos a deixar a alma por cumprir a ilusión". Rubén Domínguez foi máis aló e asegurou que "o soño é ascender".

Todo parece indicar que Pasarón vestirá de gala este sábado para arroupar o conxunto granate ao longo do noventa minutos. O técnico explicou a motivación que supón ter o apoio da afección: "Vannos a empuxar como o día de Ferrol, porque lembrade que o día de Ferrol non fixeramos un gran partido pero a xente levounos polo aire".

En relación ao rival, Rubén Domínguez definiu o Celta Fortuna como un "equipo super potente a nivel ofensivo" e explicou que "como non sexamos capaces de estar cómodos no partido, vanche a someter e fano ben".

"Esperámonos un Celta que vai vir a tentar ser protagonista, que vai tentar vir apertar ao Tenerife o máis que poida. Xa están clasificados para o play-off, pero quererán tamén pechar ese segundo posto canto antes", detallou Domínguez.

Con todo, tal e como xa explicou noutras xornadas, o técnico do Pontevedra asegurou que a un partido poden gañar a calquera rival e que "por iso estamos onde estamos".

As últimas xornadas deixaron numerosos protagonistas con grandes actuacións de varios xogadores do plantel. É por iso que Rubén Domínguez considera que o plantel é "máis profundo" comparado co que había no mes de xaneiro. "Hai máis versatilidade, hai máis xogadores e iso fai que o nivel aumente", detallou.

Doutra banda tamén destacou a versatilidade de xogadores como Vidorreta ou Alain, que se che "fai 3 postos é un xogador máis". "Temos moitos xogadores versátiles que fan que eses 21 ás veces nos multipliquemos e onde ti cres que hai 4 xogadores nun posto igual hai 6".

Tres dos cinco partidos que restan para terminar a liga son en Pasarón. Ao ser preguntado por este dato, Rubén Domínguez afirmou que "o noso desexo é que sexan 5 no canto de 3, ese é o noso desexo", facendo referencia a un posible play-off.

A realidade é que o Pontevedra é un equipo "bastante equilibrado tanto na casa como fóra da casa", pero "en Pasarón non é casualidade que levemos desde o 14 de setembro sen perder".

O soño de chegar ao play-off pasará por manter a boa dinámica en terras lerezanas. A primeira final, este sábado ás 16:15 fronte o Celta Fortuna.