Doce final de tempada para o Cisne a pesar do descenso

Pontevedra
28 de maio 2021

A campaña de crowdfunding para financiar o desprazamento do equipo xuvenil a Elda para a disputa da fase final do campionato de España fai parada este sábado no espazo gastronómico do mercado. Unha porcentaxe de cada consumición irá ás arcas da entidade pontevedresa, que anima aos seus afeccionados para consumir nos locais do mercado

O Cisne despide a tempada invitando aos seus afeccionados a consumir no mercado de abastos
O Cisne despide a tempada invitando aos seus afeccionados a consumir no mercado de abastos / Concello de Pontevedra

O Dicsa Modular Cisne pecha a tempada do seu debut en Asobal este sábado, ás 19 horas no Pavillón Municipal, contra o Puente Genil. A pesar do descenso, no seo do cadro pontevedrés o sentimento é de éxito porque o cub experimentou un crecemento "tremendo" a nivel social, mediático e en canteira.

Para celebrar o final de curso, o equipo convida a todos os afeccionados a acudir este sábado ao espazo gastronómico do mercado de abastos para apoiar ao club na campaña de crowdfunding lanzada para financiar a viaxe do equipo xuvenil á fase final do campionato de España. "Unha porcentaxe de cada consumición irá ás arcas do Cisne", detallou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, na presentación da campaña. 

Non será un partido especial soamente por ser o último do ano de debut en Asobal, o será tamén pola despedida dunha das grandes figuras do equipo nos últimos anos. Miguel Simón pecha un periplo de 12 anos vestindo a elástica branca e farao "cunha emoción moi grande". 

"Estou moi contento coa tempada aínda que descendésemos. O club consolidouse e creceu en socios e como institución. Parece unha derrota o descenso de categoría, pero é todo o contrario", asegurou o pivote defensivo.

A súa afirmación apoiouna e ampliou o directivo Miguel Monteagudo ao sinalar que "a tempada foi tremendamente positiva. É o contrario a un fracaso. O crecemento foi tremendo e a visibilidade por estar en Asobal é tremenda. O reflexo é o incremento nas inscrición nas categorías base. De feito somos o único club galego con equipos en sectores de diferentes categorías este ano. Quere dicir que a canteira segue traballándose moi ben".

Sobre a iniciativa no mercado, explicou Monteagudo que o club levaba tempo coa intención de organizar un evento social que a pandemia obrigou a pospoñer. Pero aprovehcando o final de tempada e a mellora na situación epidemiolóxica, consideran que é o mellor momento para "promocional a hostalería e o produto local" de forma segura e, de paso, axudar economicamente ao club.