Duro golpe o recibido polo Marín Futsal no arranque do 2025. A pesar de dominar gran parte do partido e xerar numerosas ocasións de gol, o conxunto marinense foi incapaz de materializar a súa superioridade e terminou sendo goleado por un Atlético Torcal que aproveitou ao máximo as súas oportunidades.
E é que o resultado que reflicte o luminoso de 1-5 non é para nada espello do que se viviu este sábado na Raña. O equipo adestrado por More foi moi superior, pero as visitantes, cada vez que despregaban o seu xogo, anotaban.
O primeiro tanto do encontro tardou en chegar un oito minutos. O Marín deixara claras as súas intencións, pero en cambio foi o Torcal o que tirou de fectividad para, por medio de Vicky Bela, adiantarse no marcador.
Buscou o tanto do empate o equipo local antes do descanso, pero a falta dun minuto para a conclusión do primeiro tempo, as andaluzas puxeron o duelo patas para arriba. Primeiro África Lozano materializou unha recuperación de Cris en campo do Marín para facer o 0-2 desde a frontal e, apenas uns segundos despois, Vicky Bela, tras un contragolpe, anotou o 0-3 que sementaba as dúbidas entre a afección local.
Tras o paso polos vestiarios, o Marín volveu ao ataque e asediou por completo a portaría rival, pero o balón non quería entrar.
More optou polo xogo de cinco con Miriam como porteira xogadora no ecuador do segundo tempo en busca do gol para crer na remontada, pero a falta de puntaría e as intervencións da gardameta visitante impediron que as locais se puidesen achegar no marcador.
Carolina Bravo dispuxo dunha ocasión clarísima que deu no poste e pouco despois foi Miriam, tras unha gran triangulación do seu equipo, a que buscou un pase da morte que unha defensora desviou a córner.
O Marín continuou dominando a situación de ataque posicional, pero foi nun envío longo de Patri Arruti cando conseguiu atoparse co merecido premio. A gardameta buscou a Carolina Bravo e esta encargouse de facer o 1-4 que permitía ao seu equipo recuperar confianza a falta de cinco minutos para a conclusión.
Con todo, a pesar de seguir levando o paso do xogo, a falta de efectividade de Café e de Miriam nos instantes finais foi determinante, mentres que África, a falta de 26 minutos para o final, encargouse de pechar o resultado subindo o 1-5.
Consulta a acta neste enlace