Dominio da Gimnástica no Campionato Galego de Probas Combinadas

Pontevedra
11 de abril 2017

O equipo masculino fíxose co título na competición celebrada durante a fin de semana na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. O equipo feminino foi subcampión por detrás do Riazor Coruña

Atletas da Gimnástica no Campionato Galego de Probas Combinadas
Atletas da Gimnástica no Campionato Galego de Probas Combinadas /

A pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra foi escenario do Campionato Galego de Probas Combinadas, no que o gran protagonista foi o club local, a Sociedad Gimnástica.

O equipo masculino do club pontevedrés revalidou o seu título autonómico con 13.834 puntos grazas aos resultados de Santi Ferrer, Pablo Tojal, Raúl Cortizo e Yago Boleas.

Lideraron a competición desde o inicio, sendo Santi Ferrer o que máis puntos achegou (6.109) seguido do xuvenil Pablo Tojal (4.079) que quedou preto de realizar a mellor marca dos participantes da súa categoría. Raúl e Yago, ambos de categoría cadete, conseguiron un número de puntos menor (3.646 e 3.511 puntos) debido a que na súa categoría as probas combinadas confórmanse en oito eventos e non no decathlon habitual.

Tamén foi destacado o papel do equipo feminino que, do mesmo xeito que no campionato baixo teito celebrado en xaneiro, proclamáronse subcampioas galegas, a menos de 200 puntos do vencedor, o Riazor Coruña.

As atletas da Gimnástica realizaron varias marcas persoais, como a de Lucía Seijas e Marina Porteiro na lonxitude ou a de Paula Martín nos 800 metros, así como a mínima para participar no Campionato de España Júnior realizada por Andrea González. En total sumaron 11.109 puntos, sendo Andrea González a que máis achegou con 3.906 puntos.