Fría estrea de tempada para a Gimnástica en División de Honra

Pontevedra
02 de maio 2017

O equipo masculino acabou en terceira posición do seu grupo e complícase o obxectivo de lograr a permanencia na máxima categoría pola vía rápida. O contrapunto deuno o equipo feminino na Primeira División cunha sobresaliente segunda praza na súa volta á categoría

Equipo da Gimnástica na primera xornada da División de Honra 2017
Equipo da Gimnástica na primera xornada da División de Honra 2017 / Luis Tojal / Sociedad Gimnástica

A Sociedad Gimnástica afrontou durante a fin de semana na Comunidad de Madrid a primeira xornada de liga para os seus equipos absolutos cunha estrea dispar.

Nunha competición caracterizada pola choiva e o frío o equipo masculino finalizou na terceira posición do seu grupo, o que supón un obstáculo para tentar pechar pola vía rápida a súa permanencia na División de Honra.

Os pontevedreses sumaron 167 puntos, a 10 de Unicaja Atletismo que foi segundo e moi lonxe do club anfitrión e vencedor do encontro, o AD Marathon (235 puntos). Cuarto e último foi o Atlético Salamanca (109 puntos).

Mellor foron as cousas ao equipo feminino no seu regreso á Primeira División, conseguindo un sobresaliente segundo posto (166,5 puntos) só superado polo Atletismo Alcorcón (235,5). Terceiro foi Perceiana-Extremadura (142,5 puntos) e cuarto o CEA Tenerife (141,5). Este resultado facilita a súa pelexa por manterse na segunda categoría do atletismo nacional.

Na competición masculina a Gimnástica anotouse tres vitorias parciais, as de Manuel Castellanos (xavelina), Lysvanys Pérez (altura) e Alberto Salcedo (200 metros); catro segundos postos con Víctor Gallego (disco e peso), David Abalde (400 metros lisos) e a remuda curta; e oito terceiros postos a cargo de Javier Guzmán (disco), David Ferrer (lonxitude), Alberto Guerrero (800 metros), Carlos Porto (1.500 metros), Marcos Cintrón (5.000 marcha), Jose Manuel Vila (xavelina), Lysvanys Pérez (triplo salto) e a remuda longa.

Pola súa banda o equipo feminino conseguiu seis triunfos parciais con Joselyn Brea (1.500 e 3.000 metros), Xiana González (200 metros), Lucía Cardesín (800 metros), Claudia Puig (xavelina) e Marta Fernández (400 valos). Ademais foron segundas Clara Gil (pértega), Ángeles Filgueira (xavelina) e a remuda 4x100 e terceiras Sara Gómez (100 lisos), Claudia Puig (disco), Lucía Seijas (altura), Andrea González (peso) e Lucía Ferrer (110 valos).

A segunda xornada de liga para ambos os equipos celebrarase o próximo 20 de maio, data na que deberán seguir pelexando por lograr a permanencia nas súas respectivas categorías.