Dous amigables contra o Cangas medirán o nivel do Teucro durante o mes de parón

Pontevedra
07 de xaneiro 2016

Os azuis volveron este xoves ao traballo despois do descanso do Nadal. O corpo técnico programou unha mini-pretempada para chegar na mellor forma posible ao primeiro encontro de liga de 2016, o día 6 de febreiro en Guadalaxara, na que se contemplan dous partidos amigables ante o Cangas

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

Acabou o período de descanso para a Sociedad Deportiva Teucro. O plantel azul retomou este xoves os adestramentos tras un par de semanas de descanso de Nadal e xa mira ao debut ligueiro de 2016 o 6 de febreiro en Guadalaxara.

O parón da Liga Asobal motivado pola disputa do Campionato de Europa de Seleccións foi aproveitado para dar o descanso necesario a uns xogadores que chegaron fatigados a final de ano.

Agora, coa intención de chegar o mellor posible ao mes de febreiro, o corpo técnico encabezado por Quique Domínguez programou unha mini-pretempada, con adestramentos que unha vez á semana serán en dobre sesión e con varios partidos amigables.

O primeiro deles disputarase o venres 15 de xaneiro ante o equipo filial de Liga Autonómica, mentres os outros dous serán de alta esixencia para os guerreiros azuis, ante un rival coñecido como o Cangas adestrado por Víctor García 'Pillo'.

O sábado 23 de xaneiro o choque terá como escenario o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, mentres o venres 29 o cadro teucrista devolverá a visita desprazándose ata O Gatañal.

Será unha boa pedra de toque para os azuis a poucos días de retomar a competición oficial, na que teñen como principal obxectivo repetir os resultados da primeira volta para certificar a súa permanencia na máxima categoría.