Dous árbitros pontevedreses, candidatos ao ascenso á Segunda División B

Pontevedra
01 de febreiro 2017

Dous colexiados da delegación pontevedresa, Gonzalo Villanueva Carballo e Alberto Gómez Lameiro, superaron a primeira fase do programa de captación de talentos do Comité Técnico de Árbitros Nacional, e seguen na pelexa por lograr o ascenso á categoría de bronce do fútbol nacional 

Árbitros galegos candidatos ao ascenso a Segunda B
Árbitros galegos candidatos ao ascenso a Segunda B / Federación Galega de Fútbol

Dous colexiados pertencentes á delegación pontevedresa do Comité Galego de Árbitros atópanse entre os candidatos ao ascenso á categoría de bronce do fútbol nacional, a Segunda B.

Son Gonzalo Villanueva Carballo e Alberto Gómez Lameiro, seleccionados xunto a outros catro árbitros galegos de Terceira División.

Todos eles superaron a primeira fase do programa de talentos do Comité Técnico de Árbitros (CTA) no que participan  a nivel nacional todos os árbitros de Terceira menores de 30 anos. 

Agora acudirán a Las Rozas para participar na segunda fase do programa, os días 4 e 5 de febreiro, na que deberán superar os controis físicos establecidos polo CTA para acceder ao terceiro exame. Esta terceira fase volvería ser tutelada polo Comité Galego de Árbitros, da que sairán só tres colexiados para afrontar o penúltimo chanzo do proceso os días 5 e 6 de maio, de novo en Madrid.

Ademais dos dous árbitros pontevedreses, están seleccionados: David Iglesias Melón (Vigo), Alejandro Ferreiro Méndez (Lugo), Manuel Casanova Cudeiro (Ourense) e Juan Luís Davila Fernández (Vigo).