Dous árbitros pontevedreses, na carreira polo ascenso a Segunda B

Pontevedra
08 de febreiro 2018

Daniel Pastoriza Iglesias e Alberto Gómez Lameiro son dous dos seis colexiados galegos menores de 30 anos que seguen optando ao ascenso de categoría. Acaban de pasar satisfactoriamente as probas físicas celebradas en Madrid

Árbitros galegos candidatos ao ascenso a Segunda B
Árbitros galegos candidatos ao ascenso a Segunda B / Federación Galega de Fútbol

A delegación pontevedresa do Comité Galego de Árbitros está moi pendente estes días dos progresos de dous dos seus colexiados, que se atopan inmersos na carreira por lograr o ascenso á categoría de bronce do fútbol nacional.

Trátase de Daniel Pastoriza Iglesias e Alberto Gómez Lameiro, dúas dos seis árbitros de Terceira División menores de 30 anos pertencentes á delegación territorial galega que se clasificaron para a Fase II do Programa de Talentos do Comité Técnico de Árbitros (CTA) a nivel nacional.

Gómez Lameiro xa participou no programa hai un ano, aínda que quedou sen o premio de lograr o ascenso á Segunda División B.

Os dous representantes pontevedreses superaron a pasada fin de semana as probas físicas ás que foron sometidos en Madrid os 109 árbitros candidatos de toda España. Ademais tiveron que enfrontarse a probas técnicas, de redacción de actas, psicotécnico ou a un exame de inglés.

Desta forma tanto Daniel Pastoriza como Alberto Gómez seguen adiante no proceso coa esperanza de chegar ao curso final, previsto para o mes de maio, no que se decidirán os ascensos de categoría.

Xunto aos dous árbitros pontevedreses completan a representación galega: Alejandro Ferreiro Méndez (Lugo), Iván Abel Bruzos (Lugo), Miguel Ferrol Muñiz (Santiago) e Juan Luís Davila Fernández (Vigo).

O presidente do Comité Técnico de Árbitros, Bernardino González Vázquez, acompañou aos candidatos galegos en Madrid do mesmo xeito que o responsable de talentos en Galicia, Julio Amoedo Chas.