Dous goles de Rufo e un de Borja tomban o Covadonga e permiten respirar ao Pontevedra (0-3)

Pontevedra
02 de maio 2021

Os granates recuperan o liderado no grupo pola permanencia na Segunda RFEF tras vencer este domingo en Oviedo e amplían a súa vantaxe sobre o descenso, pondo fin a unha serie de tres empates consecutivos

Rufo, no partido de liga entre Pontevedra e Covadonga en Pasarón
Rufo, no partido de liga entre Pontevedra e Covadonga en Pasarón / Cristina Saiz

Paso importante cara á tranquilidade para o Pontevedra Club de Fútbol, que despois de tres empates consecutivos volveu saborear a vitoria este domingo ao vencer no campo do Covadonga asturiano, pechacancelas da fase pola permanencia na Segunda RFEF.

Foi un encontro condicionado polo terreo de xogo, un Estadio Álvarez  Rabanal de Oviedo de céspede artificial, estreito e con bote moi alegre que dificultaba a combinación. Sabíao Luisito, que renunciou á vistosidade apostando por un xogo máis directo, retocando para eles un once no que o único cambio de nomes era a entrada de Borja Martínez por Adrián Cruz. Diferente era a posición sobre o verde, con tres homes permanentemente arriba, Rufo máis avanzado e con Chales e Álex González secundándolle moi preto para pelexar as segundas xogadas.

Era importante non cometer erros, sobre todo na parcela defensiva, sabendo que se ía a contar con opcións, sobre todo porque cada acción de estratexia, falta ou saque de banda, podía traer consigo unha oportunidade. Así chegou de feito a primeira dos granates, aos 3 minutos, nun córner que sacou Daminà e rematou Álex González por encima do traveseiro.

O Covadonga, afectado por baixas, contaba nas súas filas con varios xogadores xuvenís, como o dianteiro Pelayo Avanzini ou o gardameta Hugo Escobar, tendo que entrar un canteirán máis no minuto 8 ao retirarse o defensor Manu Blanco con problemas, dando paso a Carlos Filgar. Esa inexperiencia resultou decisiva só dous minutos despois, no 0-1. Charles habilitaba á subida de Damià pola dereita e o centrocampista poñía un balón moi bombeado á área. O porteiro, Hugo, dubidou, viuse sorprendido polo bote e perdeu o equilibrio, deixando o camiño despexado a un Rufo que marcou a pracer.

O Pontevedra, da maneira máis inesperada, puxera fin a máis de dous encontros sen ver porta, e puido ampliar a súa vantaxe pouco despois nunha acción do Álex González e xa no 21 de novo por medio de Rufo. O dianteiro madrileño recibiu de espladas, xirou e conectou un disparo seco e axustado coa zurda ao que, esta vez si, respondeu con acerto o gardameta asturiano.

Esa parada empezou a dar unha maior confianza ao meta xuvenil, que se foi crecendo para converterse en protagonista antes do descanso. Álex habilitaba á carreira de Rufo ás costas dos centrais, o ariete abríase un oco e disparaba, atopando a resposta dun Hugo Escobar que tamén atallaba a segunda acción, cun tiro de Charles no rexeite desde posición franca. Tamén no 45, na última acción do primeiro tempo, volveu aparecer o seteiro tapando un calcaño de Rufo tras deixada de cabeza de Charles.

Non conseguira ampliar a súa vantaxe o Pontevedra, e aínda que non pasara apuros en defensa, calquera acción illada podía supoñer un perigo nun campo das condicións do Álvarez  Rabanal, así que tocaba seguir remando e loitando no segundo tempo.

Así o demostrou o Covadonga na continuación, e é que no 51, Diego García gañaba a liña de fondo e poñía un centro raso ao primeiro pau para que  remarata Pelayo Avanzini, atopándose coa madeira. Todo un aviso de que facía falta rematar a faena para non poñerse nervioso.

Puxéronse a iso os de Luisito, e no 62 Damià estivo preto de facer o segundo, tras unha deixada de Charles ante a que non conseguiu conectar coa precisión que lle tería gustado. 

Conseguiuno con todo no seu seguinte achegamento, aos 67 minutos. Álex González conseguía desbordar polo costado esquerdo poñendo un centro ao momento de penalti que Rufo cazaba coa zurda para rematar á base do pau. Bo gol para un 0-2 que permitía respirar.

Os locais tentaron engancharse ao duelo cunha dobre ocasión, tras unha falta directa botada por Alfonso Artabe, pero Álvaro Cortés mostrouse seguro baixo paus.

Non houbo máis perigo ata o final, sendo destacable a expulsión de Pitu xunto ao local Álvaro García por un rifi-rafe e o definitivo 0-3, que logrou Borja Martínez a 6 minutos da conclusión tras conectar con Rufo no corazón da área e ceder o dianteiro para o remate preciso do centrocampista ao fondo da rede.

Un resultado que supón unha boa dose de moral para o Pontevedra, ao que axuda tamén o resto de resultados permitindo recuperar o liderado na fase pola permanencia e de paso ampliar a renda sobre o descenso, agora a 4 puntos de distancia.

CD COVADONGA (0): Hugo Escobar, Manu Blanco (Carlos Figar, min.8), Aitor Elena, Diego García, Edu Font (Manu Pozo, min.67), Tineo (Álvaro del Río, min.67), Alfonso Artabe, Pablo Naredo, Álvaro García, Pelayo Avanzini (Martón, min.57), Pablo Rubio (Manu Rodríguez, min.57).

PONTEVEDRA CF (3): Álvaro Cortés, Santi Figueroa, Churre, Xisco Campos, Zabaleta, Imanol, Borja Martínez, Damià Sabater (Pitu, min.63), Álex González (Oier Calvillo, min.87), Charles (Martín Diz, min.89), Rufo (Pol Bueso, min.87).

Árbitro: Aimar Velasco Arbaiza, auxiliado nas bandas por Aostri Durán e Palacios Arrugaeta (País Vasco). Amoestou a Churre e a Eneko Zabaleta no Pontevedra. Expulsou a Álvaro García nos locais e a Pitu nos visitantes por vermella directa no minuto 77.

Goles: 0-1 Rufo, min.10; 0-2 Rufo, min.67; 0-3 Borja Martínez, min.84.

Incidencias: Partido da quinta xornada da fase pola permanencia na Segunda RFEF disputado no Estadio Álvarez Rabanal de Oviedo.