Dous partidos de suspensión a Pitu pola súa expulsión fronte ao Covadonga

Pontevedra
05 de maio 2021

Ademais o Pontevedra Club de Fútbol perde a Churre para recibir o vindeiro domingo o Sporting B en Pasarón, no seu caso por acumulación de amoestacións

Pitu, no partido de liga en Pasarón entre o Pontevedra e o Lealtad
Pitu, no partido de liga en Pasarón entre o Pontevedra e o Lealtad / Cristina Saiz

A expulsión de Pitu o pasado domingo no partido entre Covadonga e Pontevedra Club de Fútbol saíulle cara ao extremo granate, xusto no momento no que empezaba a contar nos plans de  Luisito.

O futbolista valenciano foi castigado con dous encontros de suspensión, que serían Sporting B en Pasarón e Lealtad a domicilio, polo que só poderá participar nun partido máis esta campaña ao restar só tres xornadas para a conclusión da liga.

Pitu viu a cartolina vermella directa no minuto 78 de xogo, con 0-2 no marcador, por "encararse cun adversario chocando cabeza con cabeza e golpear co brazo no seu peito con uso de forza excesiva cando o balón non estaba en disputa entre ambos", segundo sinalou o colexiado na acta arbitral.

Precisamente o feito de sinalar que non se trataba dunha disputa polo balón facía pensar nunha posible sanción de máis dun encontro, como finalmente resolveu a Xuíza Única de Competición.

Polo mesmo motivo Álvaro García foi tamén expulsado no Covadonga recibindo idéntico castigo.

Ademais a Xuíza de Competición confirmou a sanción dun partido a Víctor Vázquez 'Churre', no seu caso ao cumprir ciclo de amoestacións, polo que tampouco estará dispoñible para o técnico esta semana.