Condenados a sufrir ata a última xornada

Pontevedra
10 de maio 2021

A derrota fronte ao Sporting B deixou ao Pontevedra a só un punto do descenso a Terceira a falta de dúas xornadas, e coa sensación de que non poderá respirar tranquilo ata o último momento. Os granates seguen dependendo de si mesmos

Partido entre Pontevedra e Sporting B en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Sporting B en Pasarón / Cristina Saiz

Segue dependendo de si mesmo para estar a próxima tempada na Segunda RFEF e non caer á Terceira, o que supoñería a súa peor clasificación histórica descendendo á quinta categoría nacional, pero o Pontevedra Club de Fútbol abonouse ao sufrimento.

Un triunfo en Pasarón fronte ao xa descendido Sporting B tería deixado case sentenciada a fase pola permanencia. Con todo a súa derrota no desconto mantén aos granates a só 1 punto da zona vermella a falta de dúas xornadas.

Co Coruxo como novo líder con 32 puntos, o Pontevedra séguelle con 30 e con 29 están Salamanca CF UDS e Real Oviedo Vetusta, este último en descenso directo.

Todo segue nun puño e apunta a ter que decidirse na última e definitiva xornada, como sucedeu na tempada 17/18 cando o equipo entón adestrado por Luismi Areda salvou a categoría na data decisiva vencendo a domicilio o Atlético B. Aquel ano a falta de dúas xornadas o Pontevedra contaba cun punto sobre o play- out, e un empate sen goles ante o Adarve na casa fíxolle ter que xogarse todas as súas opcións no último partido, ao que chegou con 2 puntos de vantaxe sobre os seus rivais.

Agora, unha campaña que llas prometía esperanzadora foise convertendo semana a semana nun pesadelo para a afección pontevedresa, vendo como se escapaban cada un dos obxectivos marcados. Queda o último, un mal menor, que é evitar caer a Terceira, e as sensacións do equipo non convidan á tranquilidade.

Os de Luisito xogaranse as súas opcións en dous partidos, primeiro visitando o vindeiro domingo 16 o Lealtad de Villaviciosa. O equipo asturiano confirmou o seu descenso matemático esta xornada ao perder fronte ao Coruxo. Vencer é unha obrigación para seguir dependendo de si mesmos nunha última data que se antolla dramática, xa que visitará Pasarón o Real Oviedo Vetusta, equipo que actualmente marca o descenso e que antes de viaxar a Pontevedra xogaralla na casa recibindo o Coruxo.

Pola súa banda o outro equipo implicado, o Salamanca, debe xogar no campo do xa descendido Covadonga para finalizar a tempada como local ante outro equipo que perdeu a categoría, o Sporting B.

Un final de liga non apto para cardíacos.