O Pontevedra B volveu a sumar de tres tras superar ao Somozas con dous goles en tan só dous minutos. Padín adiantou ao filial granate no 75 e Guèye fixo o segundo no 77.
Chegaban á cita os de Jesús Ramos con ganas doutro triunfo, sobre todo diante da súa afección. É por iso que os xogadores saltaron a por todas ao terreo de xogo e coa intención de conceder o mínimo posible ante un rival que se atopa sumido nunha mala serie de continuas derrotas aínda que situado na parte media da clasificación.
E tras un primeiro tempo no que non houbo goles, o Pontevedra B púxose ao choio e nun visto e non visto sentenciou o encontro.
Primeiro Hugo Padín foi o encargado de abrir a lata e dous minutos despois, o senegalés Guèye subiu o segundo e decisivo gol, que deixou completamente tocado a un Somozas que a pesar dos intentos de reacción non puido facer nada para modificar o marcador.
Con este resultado, o filial granate sae momentaneamente dos postos de descenso, pero está á espera de que xoguen os seus rivais directos. O Viveiro visita este domingo o Arosa (17:00 horas) e a Polvoreira recibe o Paiosaco (16:00 horas).
Consulta a acta nesta ligazón