Dous novos positivos por Covid no Cisne despois de 12 días de confinamento

Pontevedra
19 de outubro 2020
Actualizado: 18:15

O club pontevedrés necesita someterse a unha nova rolda de probas PCR antes de levantar o illamento do plantel, un trámite que só pasaron dous xogadores con resultado positivo, o que pon en perigo o partido da próxima fin de semana en Guadalaxara

Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

A situación complícase para o Dicsa Modular Cisne. O conxunto pontevedrés sumuo este luns dous novos casos positivos por Covid no seu plantel.

Os xogadores do cadro pontevedrés acumulan este luns 12 días de confinamento tras coñecer os contaxios de coronavirus no seu último rival na liga  Asobal, o Cuenca, e estaban á espera da orde de Sanidade para volver á normalidade e retomar así os adestramentos.

Aínda que nas primeiras instrucións recibidas, en especial tras confirmarse o contaxio dun dos seus xogadores, fixaba en 10 días o período de illamento, os xogadores do Club Cisne continúan nos seus domicilios e adestrando desde casa seguindo os exercicios expostos polo preparador físico Alberto Mouriño.

Ese prazo cumpriuse a fin de semana, pero a Consellería de  Sanidade confirmou que será necesaria unha segunda rolda de probas  PCR para comprobar o estado do plantel, unhas probas que salvo excepcións seguen sen ter data.

Á primeira hora deste luns só dous xogadores pasaran o novos test, e ese resultado foi de positivo para sorpresa do club, mentres que o resto de integrantes do equipo non tiña data para someterse ás PCR.

Ante esta situación víronse obrigados a solicitar ao Comité de Competición o aprazamento da próxima xornada de liga, a que debería enfrontarlles a domicilio ao Guadalajara o vindeiro sábado 24 de outubro (20:00 horas).

A única noticia positiva para o Cisne é que o xogador contaxiado inicialmente tras o duelo contra o Cuenca "xa non ten síntomas e está perfectamente", confirman desde o club.