Máis de douscentos atletas de todas as idades participaron este domingo na terceira edición da carreira popular da Festa do Viño de Barro.
Todo transcurriu nun ambiente marcado pola práctica deportiva, a convivencia e a promoción dos valores saudables.
A proba, que tivo o emblemático Pazo da Crega como punto de saída e de meta, reafírmase como unha cita destacada dentro da programación da Festa do Viño, atraendo participantes de diferentes puntos da comarca e contribuíndo á dinamización social e deportiva do municipio.
Maxi Oubiña (Club Atletismo Cambados) foi o gañador na categoría absoluta cun tempo de 0:34:59, seguido de Rubén Rodríguez (Piragüismo Breogán do Grove) a 39 segundos e Jose Suárez (SD Compostela Atletismo) a 59 segundos.
Entre as mulleres, a máis rápida foi Silvia García (Ponte a correr), que completou a proba en 0:41:38; superando a Nía Franco e Marta Padín.
O resto de resultados poden consultarse nesta ligazón.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, subliñou a excelente acollida que está a ter esta carreira ano tras ano e o papel fundamental que desempeña na promoción dun concello "activo, participativo e comprometido coa práctica deportiva".
Desde o Concello de Barro agradecen ao club Atletismo +9 Moraña, pola súa colaboración, así como ao persoal municipal, Protección Civil, Club Ciclista Ribadumia e ás persoas voluntarias.

A súa implicación, asegura o goberno municipal, foi esencial para o correcto desenvolvemento da proba e para garantir a seguridade de todas as persoas participantes.
O Concello avanza que continuará impulsando este tipo de iniciativas que combinan deporte, saúde e convivencia, reforzando o compromiso cunha programación deportiva de calidade ao longo de todo o ano.