Dúas vitorias e unha derrota para o Bádminton Ravachol na Coruña

Pontevedra
17 de decembro 2018

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra desprazouse ata Coruña para disputar tres novas xornadas da liga de Primeira Nacional, que lle deixan sen marxe de erro

Equipo do Club Bádminton Ravachol Pontevedra que competiu en Alacante Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Sen marxe de erro queda o Club Bádminton Ravachol Pontevedra tras as tres xornadas da liga de Primeira Nacional disputadas a fin de semana nas instalacións do Club do Mar da Coruña.

O conxunto pontevedrés, que ten como obxectivo pelexar polo ascenso de categoría, asinou dúas vitorias e unha derrota e segue cuarto na táboa a 6 puntos da cabeza.

O Ravachol asinou un triunfo solvente ante o Club Universidad de Valladolid (6-1), a pesar do disputado dos partidos, e tamén venceu ante o CB Almería por 4-3. Con todo os de Jesús Pereiro deixáronse uns importantes puntos ante o CB As Neves, nun duelo decidido pola vantaxe conseguida polo seu rival nos partidos de dobres (3-4).

"Ás veces as cousas non saen como nos gustaría, durante a fin de semana fomos de máis a menos e pagámolo o domingo nun encontro importante como era o derbi contra As Neves. Toca levantarse e recuperar confianza para volver en xaneiro con máis forza. Quedan 6 enfrontamentos, 3 deles contra rivais directos da zona alta, así que imos ir a por todos", sinalou tras a xornada o preparado do equipo.