"É unha boa oportunidade para o club e para min", asegura Filip Tončinić no seu primeiro día como xogador 'peixe'

Marín
20 de novembro 2019

O pívot croata incorporouse este mércores aos adestramentos do conxunto marinense, que espera con el gañar peso no xogo interior. Tončinić, coñecedor da categoría, pide tempo para adaptarse ao equipo aínda que espera ter unha adaptación "suave". Poderá xogar xa este sábado en Lugo

Filip Tončinić e Javi Llorente
Filip Tončinić e Javi Llorente / PontevedraViva

Javi Llorente xa ten ás súas ordes á última fichaxe do Peixe Galego, Filip Tončinić.

O pívot croata estreouse este mércores sobre o parqué da Raña esperando devolver a confianza mostrada pola entidade marinense. "Penso que é unha boa oportunidade para o club e para min, beneficiarémonos mutuamente", sinalou nas súas primeiras palabras como xogador 'peixe'.

Acompañado do seu novo adestrador e do segundo técnico, Diego Gómez, Filip confirmou que "me atopo ben", polo que xa apunta cara ao partido do sábado en Lugo contra o Breogán, tendo en conta que se espera que a tramitación da súa ficha poida completarse a tempo.

"Confiamos en que nos de consistencia interior, en ter ao fin unha referencia clara por dentro", sinalou Diego Gómez sobre a nova torre do equipo.

Con todo o croata pide un pouco de tempo para adaptarse aos seus novos compañeiros e as ideas de Javi Llorente. "Necesito tempo para axustarme á situación, ao que quere o adestrador de min, aos xogadores, tomará un pouco de tempo pero espero que sexa unha transición suave", recoñeceu.

Coñecedor da Liga LEB Ouro tras o seu paso de dous anos polo Burgos, ascenso a ACB incluído,  Tončinić mostrouse contento pola decisión de aceptar a proposta marinense que lle permitirá competir en "unha das mellores ligas de Europa".