Edu Sousa: "Sempre dixen que volvería. Unha das cousas que me atraeu é o reto que hai"

Pontevedra
27 de xullo 2023

Tres anos despois da súa saída do club, Edu Sousa asegura estar "contento e feliz" de regresar ao Pontevedra, a súa casa durante sete tempadas e na que chegou a sumar 249 partidos oficiais. Ve moito potencial ao equipo e "unhas ganas tremendas de facer ben as cousas" ao club

Edu Sousa, adestrando co Pontevedra na Xunqueira Cristina Saiz

Tres anos despois da súa saída, Edu Sousa volve ser unha das referencias do Pontevedra Club de Fútbol. Aínda que xa non sexa o capitán do equipo, ás súas costas din moito os seus 249 partidos oficiais cos granates ao longo de sete tempadas. Por iso móstrase "contento e feliz de volver estar aquí".

"Eu sempre dixen que volvería, que o Pontevedra era o club que era para min. Non sabía canto tempo ía estar fóra pero o fútbol volveunos a xuntar", explica o gardameta a PontevedraViva despois dunha semana de pretemporada e coa intención "de poder poñer o meu gran de area para que o Pontevedra estea onde merece e todos queremos".

Cambiou neste tempo a entidade? Edu responde que "atopo un club cunha ganas tremendas de facer ben as cousas, de seguir facendo cousas polo Pontevedra e para Pontevedra. O club está ben estruturado e iso só se pode traducir a medio prazo en bos resultados e bos momentos. A sintonía e a dirección que hai é a mesma para todos, e iso só pode desembocar en éxito", defende.

En canto ás primeiras sensacións do curso "vai moi ben. Creo que a xente está moi enchufada, xogadores que levan aquí moito tempo están a transmitir o que é Pontevedra, os mozos que soben do filial teñen ambición para a causa, e á parte chega un corpo técnico novo con Yago e Álex á cabeza". Neste aspecto para o porteiro Yago Iglesias "é un adestrador moi ordenado, meticuloso coas cousas que quere para o equipo e así nolo está transmitindo", recoñece.

A Edu non lle asusta ademais falar de ascenso, e é que "unha das cousas que me atraeu para volver é o reto que hai, ademais do club que é. Gústame a esixencia e este club teno, dácho, esíxecho e iso para o xogador é fundamental para crecer".

Por último, preguntado polos seus novos compañeiros "non tiña moi controlado a Chiqui pero é un mozo que se move moi rápido e con moitísimo desborde", asegura, mentres que "o resto non me sorprende porque sabía moi ben o que había, coa calidade de Borja, a entrega e o traballo de Álex, Churre coa súa experiencia e saber estar, Mario que é un futbolista que xogou en Primeira RFEF e Segunda B toda a súa vida, Toño, Yelko, Ángel... Non sei hai moitos e moi bos, para min é un privilexio xogar con eles".

Vimbias de sobra, opina, para pelexar polo máximo nunha tempada que non fixo máis nada que comezar.