Eleccións no Club Natación Galaico tras a dimisión da súa xunta directiva

Pontevedra
14 de setembro 2017

Aínda que faltaban dous anos para a conclusión do seu mandato, a directiva encabezada por José Miguel Cano decidiu botarse ao carón tras "un año bastante tenso" debido á desconfianza dalgúns socios, que levaron as contas do club ao xulgado

Miguel Cano, presidente do Galaico, durante o Campionato de España Open de Natación
Miguel Cano, presidente do Galaico, durante o Campionato de España Open de Natación / Mónica Patxot

O Club Natación Galaico abriu un proceso electoral para renovar a súa xunta directiva, tras a dimisión do equipo xestor encabezado por José Miguel Cano.

Tanto Cano como o resto do seu equipo presentou a súa renuncia para continuar tras a asemblea de socios celebrada o pasado venres 8 de setembro, pese que aínda faltaban dous anos para concluír o seu mandato.

A dimisión xustifícase en que "fue un año bastante tenso", recoñece o aínda presidente en funcións, debido á desconfianza dun grupo de socios que levou as contas do club ao xulgado.

Aclarado este punto en vía xudicial "decidimos echarnos a un lado y si alguien quiere que se presente", explicou a PontevedraViva José Miguel Cano, que defende a súa xestión dos últimos anos (asumiu o cargo en abril de 2013) asegurando que "las cuentas están claras. No se le debe nada a nadie".

O prazo para presentar candidaturas á presidencia do Club Natación Galaico manterase agora aberto ata o vindeiro venres 22 de setembro, estando prevista a celebración de eleccións o venres 29 de setembro de 17:00 a 21:00 horas na biblioteca do Complexo Deportivo Rías do Sur.