Elías Espiñeira regresa ao Pontevedra como novo "mánager xeral"

Pontevedra
02 de outubro 2023

O que xa fóra director xeneral do club granate entre 2003 e 2008, na etapa de Nino Mirón como presidente e na que participou no último ascenso a Segunda División, foi confirmado este luns como novo 'mánager xeral' da entidade. Será presentado o vindeiro xoves no Estadio Municipal de Pasarón

Elías Espiñeira, na súa etapa como adxunto á dirección xeral de Global Events Latinoamérica
Elías Espiñeira, na súa etapa como adxunto á dirección xeral de Global Events Latinoamérica / Global Events Latinoamérica

O Pontevedra Club de Fútbol ten novo 'mánager xeral', e é un vello coñecido da entidade.

O club granate confirmou este luns a chegada de Elías Espiñeira Carnoto, no que é o seu regreso ao Estadio Municipal de Pasarón, bautizando dese xeito o posto a que ocupará.

Espiñeira xa foi durante cinco anos director xeneral do Pontevedra, entre 2003 e 2008, na etapa de Nino Mirón como presidente. Con el como director xeneral viviuse de feito o último paso ata a data da entidade polo fútbol profesional, co celebrado ascenso a Segunda División fronte ao Lorca.

Tras a súa saída do Pontevedra, Elías Espiñeira exerceu ademais de director xeral en clubs como o Mirandés e o Real Jaén, e máis recentemente era unha das caras visibles de LaLiga Exhibition, un proxecto da Liga de Fútbol Profesional para expandir a súa marca en América Latina.

O novo home forte na xestión do Pontevedra Club de Fútbol será presentado oficialmente o vindeiro xoves 5 de outubro no Estadio Municipal de Pasarón.